Equiocio Ferrol formou en tecnoloxías maker a unha decena de rapaces
venres, 5 de xullo do 2024
Baixo o título Artesáns Dixitais, o espazo de formación de Equiocio Ferrol celebrou estes días un novo obradoiro da programación Eco-Maker Lab. Desta volta, a actividade (moi formativa, creativa e participativa) foi dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. Con participación gratuíta e o patrocinio da Xunta de Galicia, o obradoiro tiña lugar nas instalacións de Espacio Vivo no barrio da Magdalena, co concurso de 10 rapaces e rapazas e o obxectivo de fomentar o uso creativo da tecnoloxía.
Así, ao longo de preto de 2 horas, aprenderon a vectorizar imaxes a través de programas informáticos. Foi, en palabras do equipo responsábel de Equiocio Ferrol, “un proceso laborioso que daba lugar a deseños chamativos e moi persoais que, a posteriori, estampáronse en camisetas, cuncas ou tote bags a través de ferramentas dixitais”. Este taller, engadiron, “non só favoreceu a aprendizaxe nas novas tecnoloxías, senón que tamén convidou aos mozos e mozas participantes a tirar de enxeño e creatividade”.
O calendario Eco-Maker Lab é un anticipo da programación que desenvolverá Equiocio Ferrol, en colaboración con Espacio Vivo, durante o certame, no mes de agosto en Covas. Alí, entre outras iniciativas, programaranse obradoiros de construción de LEGO, de estampado de camisetas e cuncas mediante impresión 3D ou obradoiros de robótica.