Equipos parcheados contra Meltdown e Spectre experimentan reinicios frecuentes

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

As medidas de seguridade para mitigar as ameazas de Meltdown e Spectre continúan a dar que falar, e dende Intel Navin Shenoy recoñece que as últimas actualizacións de firmware que publicaron están a provocar problemas de reinicios en numerosos equipos, incluíndo procesadores das últimas xeracións, polo que están a realizar probas para corrixir os erros reportados. Admiten ter reproducido os fallos internamente en diferentes configuracións, polo que confían en identificar a cousa e corrixir o problema en breve.
Dende Intel tamén están a continuar o seu seguimento sobre o impacto no rendemento dos equipos que teñen os parches de seguridade, especialmente no ámbito dos grandes servidores para servizos na nube, que son os máis afectados polas medidas de mitigación.
Aínda que cada caso é un mundo, de xeito xeral aseguran que os sistemas de medición de rendemento máis comúns indicarían que o impacto dos parches nos servidores corporativos e na nube sería de até o 2%; no que se refire ao procesamento de transaccións en liña o impacto sería dun 4%; pero cando falamos de sistemas de almacenamento o impacto é moi superior, de xeito que en condicións extremas pode caer o rendemento un 18% (que en certos escenarios chegaría ao 25%).
Canto máis imos sabendo sobre este espiñento tema máis claro queda que os usuarios particulares serían os menos afectados, mentres que as grandes empresas e os servizos na nube son os que máis terían que temer tanto dos problemas de rendemento tras aplicar os parches como da propia ameaza á seguridade que poden supor as vulnerabilidades detectadas.

PUBLICIDADE