Érguete lanza nas redes unha campaña para desestigmatizar ás persoas con drogodependencia

venres, 25 de agosto do 2023 S. P.

Do luns 21 ata o domingo 27 de agosto, a Fundación Érguete – Integración está compartindo nas súas redes sociais unha pequena campaña de sensibilización co obxectivo de desestigmatizar ás persoas con drogodependencias. Dende o seu Programa Sísifo, centrado na atención destas persoas, levan traballando anos ofrecendo orientación, acompañamento, derivacións, apoio psicolóxico e seguimento.
Ao abeiro da campaña, as profesionais do programa achegan cada día unha pequena píldora coa que procuran rachar cos prexuízos da sociedade con esta poboación para rematar co seu xuízo social. Así fan chegar de maneira simple información real con perspectiva de xénero sobre drogas, redución de danos, senfogarismo, saúde pública e ITS…
“Frecuentemente escoitamos ou vemos como se asocia o consumo de drogas con estereotipos como a violencia, os problemas coa autoridade, o VIH, problemas de saúde mental, a delincuencia e a prostitución no caso das mulleres. Debemos ser conscientes da influencia coa que conta a sociedade nos seus procesos de recuperación e tratamento: a familia, as/os profesionais sanitarios/as, as persoas tomadoras de decisións dentro da política e os medios de comunicación e profesionais da información, para evitar así seguir reproducindo estigmas que incidan sobre as persoas consumidoras de drogas directa ou indirectamente”, explican.
A campaña lévase a cabo na páxina web de Érguete, no Twitter, no Instagram e máis no Facebook.