Erika Francesch Domenech (CITIC) analiza o uso de métodos estatísticos e datos na industria cervexeira

venres, 24 de abril do 2026 S. P.

A investigadora do CITIC da UDC Erika Francesch Domenech participou recentemente na XIII Xornada de Usuarios de R en Galicia, onde presentou o seu traballo titulado Análise bibliométrica do uso de métodos estatísticos e análise de datos na industria cervexeira.
A investigadora desenvolve actualmente a súa tese industrial en colaboración con Hijos de Rivera, baixo a dirección de Salvador Naya e Javier Tarrío, no CITIC da Universidade da Coruña.
Durante a súa intervención, abordou a crecente transformación dixital da industria cervexeira no contexto da Industria 4.0, un proceso que incrementou de xeito significativo a dispoñibilidade de datos e as posibilidades de aplicar técnicas avanzadas de análise e control de calidade.
O estudo presentado baséase nunha revisión bibliométrica de 5.691 publicacións indexadas en Web of Science entre 1936 e 2025. Para a análise empregáronse ferramentas do ecosistema R, concretamente o paquete Bibliometrix a través da interface Biblioshiny.
Segundo reflicten dende o CITIC, os resultados evidencian “un crecemento sostido da produción científica desde comezos dos anos 2000, estreitamente vinculado aos avances en sensórica e automatización industrial”. Con todo, o estudo sinala que a adopción sistemática do control estatístico de procesos segue sendo limitada no sector.
Amais, obsérvase un maior volume de investigación na industria do viño fronte á cervexa, aínda que se identifican cinco liñas principais de estudo específicas nesta última. Como parte do traballo, presentouse un caso de aplicación baseado en modelos multivariantes e algoritmos de aprendizaxe automática para a predición da calidade da fermentación cervexeira a partir de datos sintéticos.
Entre as principais conclusións, destácase “a existencia dunha fenda entre a gran cantidade de datos dispoñibles en contornas industriais e o uso efectivo de ferramentas estatísticas avanzadas”. O traballo despregado por Erika propon a integración de técnicas de SPC multivariante xunto con modelos de aprendizaxe máquina (machine learning) como vía para mellorar os procesos de control e toma de decisións na industria cervexeira.
A participación neste encontro, organizado pola comunidade R Users Galicia, reforza o papel da investigación aplicada na transferencia de coñecemento entre o ámbito académico e o sector industrial.