Escolares Primaria do CEIP de Ponte Sampaio reciben cadanseus carnés de ciberexpertos
martes, 7 de maio do 2024
O subdelegado do Gobierno en Pontevedra, Abel Losada, fixo onte entrega dos carnés de ciberexpertos aos 16 alumnos e alumnas de sexto de primaria do CEIP de Ponte Sampaio de Pontevedra que superaron as accións formativas sobre ciberseguridade enmarcadas no Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos, que a nivel provincial desenvolven tanto a Policía Nacional como a Garda Civil e no que participaron o ano pasado 34.500 estudantes.
Acompañado polo comisario provincial, Juan José Díaz; e polo director do centro educativo, Avelino Cabaleiro, o subdelegado felicitou ao alumnado pola superación deste curso, recalcando a importancia de “coñecer non só as vantaxes, senón tamén os riscos que implican o uso das tecnoloxías”. Neste liña, animou aos nenos e nenas “a transmitir os coñecementos adquiridos ao resto de alumnado do colexio, así como á súa contorna familiar, para axudar a pais, nais avós e avoas no uso das novas tecnoloxías”.
Tamén subliñou a importancia de concienciar os menores sobre a súa propia seguridade na Internet e fixo fincapé na necesidade de ofrecerlles a formación e as ferramentas necesarias para que naveguen pola rede de maneira responsábel. Nesta liña exaltou o labor educativo que desenvolve o Corpo Nacional de Policía a través da Delegación de Participación Cidadá para formar o alumnado fronte os riscos que poden entrañar as redes sociais e as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Abel Losada destacou o éxito do Plan Director para a convivencia nos centros educativos, o proxecto que acolle a iniciativa dos “ciberexpertos”. Lembrou que a partir da cooperación entre administracións, forzas de seguridade e comunidade educativa, este plan creceu un 80% no último ano na provincia de Pontevedra, chegando a 34.500 estudantes.