Escolares de Monfero, Marín, Salcedo e Vigo gañan o concurso Aprendo Programando

luns, 19 de xuño do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia (CPETIG) fixo entrega este sábado dos premios da segunda convocatoria do concurso escolar Aprendo Programando, organizado pola entidade que preside Marcos Mata e patrocinado por El Corte Inglés e Alvarellos Editora. O acto estivo presidido por Marcos Mata, presidente do CPETIG; Maximino Tuñas, responsábel de Sistemas de Información El Corte Inglés Santiago; e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora. Concorreron case 40 equipos de Primaria e ESO. O obxectivo foi achegar a programación aos escolares. Os gañadores foron equipos do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero (A Coruña) e do IES Mestre Landín de Marín (Pontevedra), nas categorías de Primaria e de ESO respectivamente. Os segundos premios en cada modalidade foron para equipos do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) e do IES Carlos Casares de Vigo.
No certame, cuxa final resolveuse este sábado nas dependencias de El Corte Inglés en Santiago, concorreron unha chea de proxectos programados con Scratch, centrados na temática Convivir en igualdade, proposta polo CPETIG na convocatoria deste ano.
Na categoría de Primaria, o primeiro premio foi para o proxecto Farm Adventure do equipo do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, realizado baixo a supervisión da profesora María del Camino Pereiro; e o segundo para As inventoras do equipo do CEIP San Martiño, baixo a supervisión de Ángeles Martín.
Na categoría de Secundaria, o primeiro premio foi para o proxecto Convivir no Mestre Landín do equipo do IES Mestre Landín, desenvolvido baixo a supervisión de Héber Jaime García; e o segundo para IgualDado do equipo do IES Carlos Casares, supervisado por Almudena Rouco.
Os premios consisten nun cheque agasallo de El Corte Inglés e unha tableta de dez polgadas para cada equipo gañador nas categorías de Primaria e de ESO; e un lote de libros de Alvarellos Editora e unha tableta de 8 polgadas para os segundos clasificados en cada unha das dúas categorías.
Aprendo Programando ten como obxectivo achegar a programación e integrar xa nos primeiros niveis do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías, como unha oportunidade para o alumnado de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación. As dúas edicións celebradas confirman que a iniciativa é un estímulo tanto para o profesorado coma para o alumnado, que consigue a través deste concurso retos de superación a nivel persoal e colectivo.

PUBLICIDADE