Escolares de Mos, Malpica, Foz e Vigo impóñense no VIII certame de podcast O vello dos contos

luns, 2 de xuño do 2025 S. P.

Este luns 2 de xuño entregáronse en Santiago os premios da VIII edición do certame escolar de podcast Xosé Mosquera, O Vello dos Contos. Na nova convocatoria do concurso resultaron gañadores os escolares dos colexios Mestre Valverde Mayo de Mos, polo traballo Avoa Fita, e Milladoiro de Malpica de Bergantiños, con A nosa herdanza. Mentres que na categoría de Secundaria resultaron premiados os institutos de Foz, coa peza Lanchiña que vas en vela, e Alexandre Bóveda de Vigo, con Da peneira á eternidade.
Ademais, na categoría de Primaria, resultaron finalistas os colexios A Cristina, de Carballo; Mestre García Niebla, de Pazos; López Ferreiro, de Santiago de Compostela; Feliciano Barrera, de Ponteareas, e Cardeal Quiroga, de Pontevedra. Pola súa banda, chegaron á final os institutos Divino Salvador, de Vigo; Cruz do Sar, de Bergondo, e Ramón Otero Pedrayo, de Ourense.
No acto, ademais do alumnado e do profesorado dos ditos centros, participaron Víctor Freixanes, ex presidente da RAG, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Valentín García, secretario xeral de Lingua.
O certame é organizado cada ano polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), Arraianos Producións, Ponte... nas Ondas e a Secretaría Xeral de Lingua. O obxectivo deste certame, dirixido ao alumnado de 10 a 18 anos, é promover a lingua e a cultura galega e portuguesa entre a mocidade mediante a elaboración de gravacións sonoras online e orixinais relacionadas coas nosas escritoras e escritores.