Escolares de Verín, Cerceda, A Coruña e Vilanova de Arousa, galardoados en Nós Tamén Creamos

martes, 16 de xuño do 2026 S. P.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, felicitaron aos escolares galardoados nos premios Nós Tamén Creamos 2025-2026.
Fixérono na entrega de premios ás mellores curtametraxes do certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para promover o uso da lingua galega a través de curtas de animación.
Neste marco, o conselleiro e o secretario xeral, acompañados polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, agradeceron o esforzo de todo o alumnado dos 18 centros participantes e gabaron o seu enorme talento e creatividade.
En total foron galardoados oito centros educativos. En concreto, no 2º ciclo de Educación Infantil resultaron gañadores o Colexio Princesa de España, de Verín (Ourense), e o accésit foi para o Colexio Ponte Carreira de Frades, de A Coruña. Pola súa banda, no nivel de 1º e 2º de Educación Primaria, foi galardoado o Colexio Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda (A Coruña), e o Colexio de Guillarei de Tui (Pontevedra) recolleu o accésit, mentres que na categoría de 3º e 4º de Primaria levou o premio o Colexio de Zalaeta, da Coruña, e o accésit foi para o Colexio O Vicedo, do Vicedo (Lugo). Finalmente, na categoría de 5º e 6º de Primaria resultou gañador o Colexio de Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), e o accésit foi para o Colexio do Feal de Narón (A Coruña).
Todas as curtas premiadas e as do resto dos centros escolares participantes poderanse visualizar no Portal da Lingua Galega, na súa canle de Youtube e, ademais, na sección infantil e na aplicación Xabarín da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.
O certame é convocado cada no pola Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Trátase, segundo explican as entidades organizadoras, “dunha iniciativa que busca promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lle ofrece á cativada a sección infantil da páxina web da Televisión en Galicia”.
Inclúense catro categorías que van dende o segundo ciclo de Educación Infantil ata sexto de Educación Primaria e para as que se outorga cadanseu premio e, se así o decide a Comisión de Selección, un accésit para cada categoría.
Entre os requisitos dos traballos, está que deben ser unha adaptación cinematográfica de animación coa técnica stop motion dalgunhas das obras literarias que se lles facilitaron aos centros participantes, ter calidade DVD e unha duración máxima de 5 minutos. Ademais, deben incluír un espazo de créditos finais no que recollerán o nome das persoas que participaron na súa creación.