Escolares galegos defenden no Parlamento o uso responsable da tecnoloxía
martes, 3 de xuño do 2025

- Os mozos participantes convertéronse en Deputados por un día
O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá un pleno infantil organizado por Aldeas Infantiles SOS, no que participaron 80 alumnos de Educación Primaria convertidos por un día en deputados. Procedentes de cinco centros escolares das catro provincias galegas —os colexios Emma (Santiago), Xermade e Antía Cal Vázquez (Muras), Saco e Arce (Toén) e Espedregada (Raxó)—, os escolares achegaron as súas propostas ao hemiciclo nunha xornada centrada na reflexión sobre o respecto e o uso axeitado das novas tecnoloxías.
O acto estivo presidido polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, xunto co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; e o presidente de Aldeas Infantiles SOS de España, Pedro Puig Pérez.
Durante a sesión, os pequenos deputados debateron sobre o valor do respecto nas relacións persoais e no uso responsable da tecnoloxía. A iniciativa forma parte do programa Abraza os teus Valores, que neste curso 2024-25 pon o foco no respecto como ferramenta para construír relacións saudables e afrontar os riscos do uso indebido de pantallas e redes sociais.
A voceiro do colexio Emma, Aloia Carviño Olveira, de 6º de Primaria, advertiu dos perigos do acceso temperán a dispositivos móbiles: «nenos de sete anos xa teñen teléfonos móbiles, ou incluso máis pequenos, e este acceso descontrolado pode rematar en chats nos que se empregan insultos, palabras ofensivas ou se fala con alguén que non é quen di ser».
Na mesma liña, Lois Martínez (Xermade) e Aitana Otero (Antía Cal Vázquez) defenderon un uso positivo da tecnoloxía «para facer o ben, aprender e mellorar o mundo». Clara Martínez Pereira (Saco e Arce) puxo o foco na desigualdade global: «Somos uns privilexiados por vivir nun lugar onde todo nos é dado. (..) Noutros sitios, os nenos aínda agardan por un libro para ler». Finalmente, Roi Alves Díaz (Espedregada) cuestionou o papel da intelixencia artificial: «Se nos acostumamos a non ler, a non reflexionar, a non escribir… que futuro queremos crear?».
Logo dos discursos, os portavoces presentaron oito compromisos, que foron sometidos a votación. A proposta máis apoiada foi: «No futuro, non facer uso habitual da Intelixencia Artificial para realizar tarefas que poidamos facer por nós mesmos». Tamén destacaron o compromiso de eliminar as pantallas dos dormitorios para mellorar o descanso e fomentar a comunicación familiar, así como a instalación de sistemas de control paterno e o respecto na comunicación en liña.
Aldeas Infantiles SOS continúa así o seu labor educativo iniciado hai 27 anos, co obxectivo de formar persoas responsables e comprometidas. Este novo ciclo do programa Abraza os teus Valores, cunha duración de tres anos, procura acadar un equilibrio no uso da tecnoloxía, protexer a infancia de contidos inadecuados e promover o benestar emocional e a participación social.
Entre as novidades destaca o reto Unha semana sen pantallas, que convida a familias e escolas a desconectarse temporalmente dos dispositivos dixitais para redescubrir outras formas de interacción, aprendizaxe e lecer.
