Escompring: novo portal galego de alimentación ceibe de comisións e custes engadidos

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A firma compostelá Lúdica 7, responsábel entre outras cousas das xeiras de debate 2.0 Compostweets (cuxa nova edición chega a Santiago, por certo, o 22 de marzo), traballa arestora nun innovador proxecto para promover e ampliar até onde sexa posíbel o xa de por si amplo potencial galego de comercio electrónico. Falamos de Escompring.com, tenda en liña que conta con Lúdica 7 en traballos de dirección de comunicación e estratexia 2.0 e que concorre na Internet como un portal de venda en liña cen por cen galego, centrado no eido da alimentación e as bebidas e co valor engadido (moi a ter en conta) de estar ceibe de custes de intermediación e comisións.
Escompring, segundo nos contan os responsábeis de Lúdica 7, vén da man dun grupo de empresarios da nosa terra e foi posto en marcha hai arredor de dous meses. Ao longo deste tempo, o proxecto foi quen de dar acubillo (como asociados) a 50 pequenos produtores galegos e do resto de España, interesados en tirarlle o máximo partido a esta tenda en liña. Os agoiros non poden ser máis positivos: ao longo deste tempo realizáronse máis de 500 transaccións e vendas de produto, recibíndose cada xornada centos de visitas de usuarios, moitos deles potencialmente compradores. A maiores, cóntanos a empresa compostelá, “o servizo foi citado recentemente nun dos blogs de gastronomía de meirande prestixio de España, onde se describiu como un dos portais de venda en liña máis serios e rigorosos e que máis aposta por defender e promover as denominacións de orixe e as áreas xeográficas protexidas”. Esta descrición, aparecida El Comidista, o blog que coordina dende El País Mikel Iturriaga, desencadeou no servizo galego unha suba importante de visitas e, por suposto, de vendas.
Como dixemos, a tenda en liña destaca no panorama en liña estatal por non cobrar comisións nin taxas para intermediarios. Deste xeito, apóstase por un contacto directo co produtor, quen pon o prezo ao seu artigo e o consumidor mércao sen custe engadido. Trátase, segundo nos contan, dun “vantaxoso acordo establecido por Escompring con diferentes transportistas, que ofrece ao produtor prezos de envío substancialmente mellores cós ofertados por eles mesmos, de maneira individual”. A filosofía desta nova plataforma galega de comercio electrónica é, en palabras dos seus responsábeis, a seguinte: comprar un produto a quen o fai. E todo, “sen que sexa preciso pagar máis polo mesmo, aínda que este se consuma no outro extremo do país”. Un exemplo disto é o acontecería cun posíbel produtor de Pan de Cea que se decide a apostar por Escompring, supoñéndolle isto a apertura dunha “canle de vendas extraordinaria en toda España, cun produto que segue custando o mesmo, se consuma na propia vila ourensá na que se fabricou ou ben en Murcia”.

PUBLICIDADE