Esculca critica as actuacións policiais levadas a cabo na Coruña contra o top manta

mércores, 12 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

O Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdade, Esculca, vén de expresar a súa preocupación polos métodos empregados na nosa terra polos corpos policiais á hora de levar a cabo redadas contra os colectivos inmigrantes que distribúen material dixital. Máis polo miúdo, as críticas xorden dun caso ben concreto: a incautación de DVDs e CDs copiados levada a cabo pola Policía Municipal da Coruña o pasado 7 de xaneiro na Rúa Real da cidade, unha actuación que segundo fai saber Esculca supuxo un importante despregue de “meios coercitivos” e deu lugar a detención de dúas persoas.
Para o Observatorio galego queda claro que os métodos non foron os axeitados, desproporcionais en relación ao suposto delito perseguido, e proba deste “exceso de forza” foron as protestas reiteradas dos cidadáns que asistiron á redada.
Esculca lembra no seu comunicado en liña que non se trata nin moito menos da primeira vez que se leva a cabo unha manobra policial destas características, no noso país en todo o Estado, feitos que supoñen en moitas casos unha clara vulneración dos dereitos das persoas ás que se lles incauta o material e que pola súa natureza intimidatoria, violenta e en ocasións racista, non se deben repetir nin na Coruña nin en calquera outra cidade. Neste senso, Esculca lembra que o Estado español xa ten sido denunciado por estes mesmos motivos por parte da European Commission against Racism and Intolerance (ECRI) do Consello de Europa ou polo Comité de Direitos Humanos da ONU. “Este xénero de denúncias non poden senón ser motivo de preocupación ante toda actividade policial que se confronte con suxeitos migrantes, sobre todo se, como neste caso, hai indícios avondo do sesgo discriminatório da intervención e do seu nivel de coerción”, informa o Observatorio.

PUBLICIDADE