España confírmase como un país crítico ante o avance da desinformación

mércores, 14 de xuño do 2023 S. P.

A realidade social e política actual de España, cunha forte polarización cidadá e mediática que se dispara entre diversas campañas electorais, sumado ao anonimato que xeran as redes sociais e a outros acontecementos críticos previos (a pandemia, o cambio climático, a guerra en Ucraína), crea o caldo cultivo ideal para a proliferación de noticias falsas, boatos e informacións sen contrastar. Esta foi unha das conclusións da xornada O impacto da desinformación no ámbito local que se desenvolveu na Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra. Neste senso a decana Emma Torres, engadiu que as fake news téñense convertido nos últimos tempos nun problema social que “preocupa e ocupa” aos investigadores e investigadoras.
Promovido pola Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) e polo proxecto Fakelocal, que coordina o grupo CP2 da dita facultade do Campus de Pontevedra, especialistas de diferentes universidades presentaron neste foro os seus proxectos e liñas de traballo neste ámbito, pondo o foco no impacto que as campañas de desinformación poden ter no eido local.
O encontro tamén permitiu afondar nas temáticas e problemáticas que centraron un maior número de boatos e noticias falsas nos últimos tempos, como a pandemia, a guerra en Ucraína ou os procesos electorais. Estes últimos, de feito, fan que España sexa “un lugar crítico nestes momentos no conxunto de Europa” no referido á proliferación de campañas de desinformación, como recoñeceu o investigador da Universidad de Navarra e coordinador do observatorio ibérico de medios dixitais Iberifier, Ramón Salaverría.
A xornada enmarcouse nas actividades do proxecto Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (Fakelocal), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado polos investigadores Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto. O foro incluíu seis conferencias e mesas de debate e foi inaugurado pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.
A conferencia inaugural de Salaverría centrouse na estratexia contra a desinformación da Comisión Europea, na que se enmarca a posta en marcha dunha rede de 14 observatorios, entre os que se atopa Iberifier. “Estes observatorios o que están facendo é un traballo de monitoraxe das campañas de desinformación, coa axuda de fact-checkers, e unha análise sobre o fenómeno”, dirixida a “entender ben cales son as características, as tipoloxías, as tendencias e as canles” desta problemática, “para establecer os marcos regulamentarios” cos que facerlle fronte, explicou.
O seu relatorio permitiu tamén pór o foco nas temáticas que nos últimos tempos “están xerando maior dimensión de contidos de desinformación”. Ese seguimento que realizan os observatorios permitiu constatar como durante a pandemia proliferaron boatos e informacións falsas “sobre a suposta creación e diseminación deliberada do virus ou teorías antivacinas”, mentres que, a comezos de 2022, a invasión de Ucraína viuse sucedida “por toda a desinformación vinculada á guerra e, moi particularmente, ás narrativas que viñan de Rusia, para tratar de romper a unidade da UE”. Alén dun “terceiro grande asunto, máis latente” e vinculado ao “negacionismo do cambio global, tras o que hai tamén unha serie de intereses internacionais”, outra dos “grandes focos da desinformación en Europa” foi nos últimos meses o relacionado cos procesos electorais, explicou, especialmente en casos como o de España, onde os recentes comicios municipais e autonómicos veranse sucedidos polas eleccións xerais de xullo. Nese senso, Salaverría recoñeceu que se ben isto dáse en menor medida nas eleccións locais, un dos eixe do actual traballo de análise dos observatorios é o da “inxerencia estranxeira” neste tipo de procesos.
Tras este relatorio, a xornada continuou cunha conferencia da investigadora da Universidad de Valladolid Rosa Campos, centrada na desinformación parlamentaria e o seu impacto na axenda local, para logo afondar, da man de Sara Pérez Seijo, no proxecto Medios audiovisuales públicos ante el ecosistema de las plataformas: modelos de gestión y evaluación del valor público, Valcomm, de referencia para España, que coordina a Universidade de Santiago de Compostela e que colabora tamén na organización desta xornada.
Pola tarde, a actividade continuou cunha mesa sobre novas formas e audiencias da desinformación, na que interviñeron Javier Marzal (Universitat Jaume I), Alba Silva (USC), Natalia Quintas (Universidade da Coruña) e Mabel Míguez (UVigo), seguida da presentación dos avances do proxecto DEBATrue, que coordina tamén o grupo CP2. Centrado na creación dunha plataforma web de verificación de información orientada ao debate político, Rúas e o tamén investigador da UVigo Andrés Mazaira presentaron algúns dos traballos levados a cabo no marco deste proxecto, como a posta en marcha dunha caixa de ferramentas para a busca e verificación de información.
A xornada pechouse cun relatorio de Andreu Casero, tamén da Jaume I, sobre os traballos de investigación, transferencia e innovación sobre desinformación que se levan a cabo en España.