España recupera as recargas por copia privada

luns, 3 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Tras confirmarse a nulidade do chamado canon dixital por parte do Tribunal Supremo (por considerarse que é contrario á Directiva europea que regula a compensación por copia privada) quedaba por restablecerse a legalidade dun xeito seguro, polo que hoxe aprobouse o Real Decreto-lei que recupera a compensación por copia privada a través dun gravame que terá que soportar o consumidor en vez de depender dos Orzamentos Xerais do Estado como viña a facerse dende finais de 2012.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea xa indicara a ilegalidade do modelo de copia privada establecido en España, e co novo Real Decreto-lei restáurase a legalidade e corríxese a definición e o alcance do límite da copia privada, pondo fin ao problema creado pola última reforma que convertera en ilícitas a meirande parte das copias que fan os cidadáns.
Queda por desenvolver o regulamento que fixará as cantidades económicas que deberá soportar cada dispositivo, pero polo momento xa sabemos que unidades de almacenamento, teléfonos móbiles, tabletas, lectores de libros electrónicos, ordenadores persoais e reprodutores multimedia deberán facer fronte a unha recarga como compensación á copia privada.

PUBLICIDADE