España supera por primeira vez os 30 millóns de compradores en liña

venres, 29 de novembro do 2024 S. P.

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), órgano colexiado de carácter consultivo da entidade Red.es (Ministerio para a Transformación Dixital), presentou unha nova edición do estudo sobre compras en liña en España que mostra a evolución dos principais indicadores do comercio electrónico e os hábitos de consumo. No documento faise saber, entre outras informacións de interese, que España foi quen de superar por vez primeira os 30 millóns de compradores no ecommerce.
Os datos do informe Compras online en España. Edición 2024 extraéronse dunha enquisa realizada entre xuño e xullo de 2024, a unha mostra de 2.900 persoas de 16 a 74 anos e residente en España e están referidos as compras realizadas en 2023.
O estudo, en palabras de Red.es, busca reflectir as dinámicas que rexen a compra en liña na área do comercio electrónico e achega datos sobre o volume de gasto, o número de persoas que realizan compras por Internet e a media de gasto por consumidor en liña. Tamén avalía aspectos clave como o perfil das compradores, os hábitos de compra, impulsos e freos ao ecommerce, a experiencia de usuario, a loxística ou a influencia da Intelixencia Artificial ou a ciberseguridade.
O número de persoas que usan Internet en España representa o 96% da poboación comprendida entre os 16 e 74 anos, chegando aos 34,5 millóns de persoas. Deles, un 87% compran na internet, alcanzando por primeira vez a cifra de 30 millóns de persoas, unha mostra da implantación do comercio electrónico en España. Por outra banda, a cifra de negocio experimentou un aumento significativo entre 2014 e 2023, pasando de preto de 16.300 a máis de 99.200 millóns de euros. No último ano o crecemento foi do 16%.
En canto ao gasto medio das persoas que compran en liña, a cifra supera os 3.300€ anuais, destacando entre os produtos e servizos máis adquiridos os artigos de vestimenta (roupa, zapatos e accesorios) cun 78,9% do total de quen compra en liña e as entradas a eventos culturais cun 57%. O teléfono móbil intelixente é o dispositivo máis habitual para realizar as operacións con máis dun 71% e máis do 73% das persoas predín que manterán un nivel de compras semellante en 2024.
Respecto ás razóns dos consumidores para comprar na Internet, destacan o prezo (52%) e a comodidade (50,4%) como factores determinantes.
En canto ao impacto das novas tecnoloxías, máis do 68% dos compradores en liña e están familiarizadas coa IA, consideran favorábel a súa influencia.
Ademais, un 91,2% das persoas que compran en liña considera seguras as compras na Rede.
Para a elaboración do estudo, contouse coa colaboración de organizacións, empresas e expertos no eido do comercio electrónico.