Espazo Compartido da UDC lanza un vídeo para animar á comunidade universitaria no seu confinamento

mércores, 8 de abril do 2020 Redacción

A comunidade de estudantes e docentes da UDC está a impulsar iniciativas para mitigar as consecuencias do Estado de Alarma e o confinamento, poñendo o foco en achegar folgos, solidariedade e ánimo ás pantallas dos nosos dispositivos. Sen ir máis lonxe, a comunidade do programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña vén de elaborar un vídeo, Espazo Compartido en corentena, dirixido a todo o colectivo universitario da UDC, ao que lle envía unha mensaxe de ánimo e estímulo ao tempo que lle transmite a súa propia percepción da situación de confinamento.
Segundo apunta a coordinadora do curso e investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC), Thais Pousada, “a adaptación á nova realidade non é doada para ninguén, pero está claro que é un reto en si mesmo porque nos está a preparar para asumir responsabilidades no futuro e ter unha maior capacidade de resolución de problemas, así como ter unha perspectiva diferente da aprendizaxe desde as nosas casas”.
Dende o Espazo Compartido engaden que amais do devandito vídeo, estanse a poñer en marcha máis actividades para contribuír á continuidade formativa, divulgativa, integradora e dinamizadora da UDC, por exemplo clases e titorías virtuais para preparar ao alumnado na futura inserción laboral. Esta liña de actividade podémola consultar ao detalle no seu Facebook.
Para quen non o saiba, Espazo Compartido é un programa promovido pola Universidade da Coruña de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas, para a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral de persoas novas con discapacidade cognitiva. Recibe o apoio da Fundación ONCE, do grupo Banco Santander - Universia e do Consello Social da UDC.

PUBLICIDADE