Especialistas de doce países debateron en Pontevedra os retos da transformación dixital europea
xoves, 2 de outubro do 2025
A rede ENDE (European Network on Digitalization and E-Governance) financiada pola Unión Europea co obxectivo de “afondar nas múltiples implicacións da transformación dixital da UE desde unha perspectiva interdisciplinar”, xuntou esta semana en Pontevedra especialistas de diferentes ámbitos procedentes de 14 universidades e centros de investigación de doce países. O propósito: pór en común as súas liñas de traballo.
Coordinada pola Universidade Tecnolóxica de Tallín (TalTech), ENDE conta entre os seus integrantes co profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, quen explicou que o obxectivo deste encontro foi afondar nun conxunto de temáticas, agrupadas baixo “o paraugas común da transformación dixital”.
ENDE, lembrou, busca contribuír á transición dixital europea a través da investigación e do desenvolvemento de métodos de análise innovadores e con ese propósito conta con especialistas de ámbitos como o dereito, a ciencia política, a gobernanza electrónica, a pedagoxía ou a regulación dos avances tecnolóxicos. A idea, sinala Cancela, é reunir “distintas perspectivas” respecto de cuestións como o desenvolvemento das plataformas de servizos dixitais, a soberanía dixital da UE, os efectos da dixitalización nos mercados ou as implicacións de avances tecnolóxicos como a IA que, como lembran os responsables deste proxecto, “afectan a todos os ámbitos da sociedade”.
A quinta reunión desta rede tivo lugar este luns e martes (29 e 20 de setembro) no Hotel Galicia Palace. O encontro serviu para a posta en común dos estudos que están a desenvolver as e os seus integrantes e que afondan “en diferentes cuestións relacionadas coa transformación dixital”, tanto desde a óptica dos estados, como da UE “ou mesmo a nivel global”, salientou Cancela.
Así, nas presentacións abordáronse cuestións como o papel da socioloxía “no debate público no mundo dixital”, o “efecto Bruxelas” na regulación dixital, a lexislación en materia de protección de datos ou a indemnización por danos morais provocados por un vídeo viral segundo o regulamento de protección de datos da UE.
Amais, as e os participantes afondaron na Lei Europea de IA, na “adaptación dixital” dos partidos políticos, nas implicacións da “fenda dixital” en materia de dereitos humanos e na “transformación dixital da educación superior”, eixe do relatorio de Cancela.
Director, ao longo dos últimos catro anos, da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens: Adapting de EU to the digitalization challenges, o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 centrou o seu traballo nesta rede “en distintos aspectos vinculados coa soberanía dixital, coa aplicación do plan dixital da Unión Europea”, así como nesa transformación do ensino superior.
Este encontro contou coa participación das universidades de Wroclaw, Sabanci, Palacky, Minho, Vigo e Macerata, da School of Advanced Studies de Nova Gorica, da Comenius University de Batislava e de TalTech, ás que se sumaron as intervencións por videoconferencia de investigadores das universidades de Boloña e Riga. Xunto a estes, en ENDE tamén están representadas as universidades de Valladolid e Turku, xunto co Instituto de Estudos Europeos de Belgrado.
