Especialistas en Dereito Administrativo analizarán na EGAP a regulación da IA

mércores, 15 de outubro do 2025 S. P.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolle esta semana, o xoves 16 e o venres 17 de outubro, o curso monográfico A regulación da Intelixencia Artificial: sistemas e datos. Regulación da normativa europea, estatal e autonómica. Nel participarán destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo durante dous días.
O curso monográfico, dirixido ao público en xeral, está organizado pola EGAP e a Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e conta coa colaboración do Observatorio Internacional da Regulación de Entidades do Sector Público.
A inauguración terá lugar mañá xoves ás 16:15 horas na Escola e contará coa presenza da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da AMTEGA, Julián Cerviño, e o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago e director do curso, Marcos Almeida Cerreda.
A sesión inaugural correrá a cargo do director da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso, que impartirá un relatorio sobre O Regulamento (UE) 2024/1689 polo que se establecen normas harmonizadas en materia de IA.
O curso monográfico ten como obxectivo “analizar o marco normativo da Intelixencia Artificial desde unha perspectiva europea, estatal e autonómica, con especial atención á lexislación galega recentemente aprobada”.
Con esta actividade formativa, a EGAP e a AMTEGA pretenden “humanizar e dar a coñecer as vantaxes e os riscos derivados do uso da IA na Administración pública”.
Mediante o programa de relatorios impartidos por destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo abordarase os principios éticos e xurídicos que deben rexer o uso da IA, a súa aplicación na Administración pública, as medidas de impulso e a súa gobernanza, a contratación pública e a formación de empregados e cidadanía, nun contexto de transformación dixital, responsable e segura.