Especialistas en agricultura smart enxalzan en Santiago as oportunidades de Internet

venres, 24 de novembro do 2017 Redacción

Se os sectores de raizame máis innovadora apostan por chegar aos clientes a través de formatos, canles e contornas innovadoras, con máis razón deben facelo os sectores de raizames tradicionais: aqueles que impulsaron e alicerzaron a nosa economía durante séculos, por exemplo o agro, a gandería e máis a pesca. Este 23 de novembro celebrouse en Santiago, no Hotel Porta do Camiño, un encontro profesional que apuntou á necesidade de subirnos ás tecnoloxías smart dende os devanditos sectores produtivos básicos. Para subliñar esta necesidade, amosáronse múltiples exemplos de cousas que marcan un antes e un despois no ámbito agrogandeiro. O evento consistiu nun seminario abeirado ao programa europeo AgroSmartCoop, cuxo obxectivo é impulsar a innovación e a colaboración entre cooperativas de Francia, España e Portugal. Participaron reitores, directivos, técnicos de cooperativas e emprendedores dos tres países veciños. Coincidiron en enxalzar a aposta conxunta por iniciativas de innovación sustentábel e comercialización intelixente.
Entre os participantes atopouse Ruth Rodríguez, técnica de AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias), que explicou que ao abeiro do programa AgroSmartCoop porase en funcionamento unha comunidade virtual onde as cooperativas das contornas xeográficas participantes poderán intercambiar coñecementos e experiencias, recibir formación e asesoramento en materias de innovación tecnolóxica sustentábel e comercialización intelixente. Tamén fornecerá a posibilidade de mostrar os produtos innovadores das cooperativas, para dar visibilidade ao seu gran potencial.
Pola súa banda, Cristina Fernández-Armesto, xerente da SAT Casa Grande de Xanceda, explicou como a súa entidade logrou notoriedade entre os consumidores e rendibilidade económica grazas “a optar por un modelo de negocio baseado na ecoloxía e o coidado da biodiversidade na súa explotación”. Segundo lembrou, “o 50% da xente que visita a granxa descoñece que fabricamos iogures, veñen pola experiencia e a aprendizaxe; logo proban o produto”. Polo que respecta ao exterior de Galicia, foi mediante redes sociais como conseguiron principalmente amosar a actividade dos animais da granxa e como viven.
Alberto Moreira Baptista, pró-reitor para a Área de Projetos Estruturantes da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), entidade participante en AGROSMARTcoop, fixo fincapé na necesidade de encamiñar as nosas vendas por Internet, pero preparando o terreo axeitado: “O peor que pode pasar é crear unha tenda en liña e non ter a loxística preparada: os clientes perden confianza e non volven”. Segundo engadiu, “antes de comezar a parte de marketing e deseño de plataforma, ten que funcionar a embalaxe, a velocidade de entrega, o stock… senón, máis vale non comezar o traballo”.
María González, encargada de mercadotecnia e innovación na corporación alimentaria Capsa Food, indicou que o consumidor valora “etiquetas claras, que informen de compoñentes do produto e como se chegou a el”, dado que “hai cada vez meirande educación do consumidor, que fai preguntas e está preparado para escoitar”. Segundo engadiu, “a innovación xoga un papel importante para atopar substitutos”.
Alfonso Pérez, responsábel de I+D e Innovación da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela, recomendou que os comités de innovación sexan multidisciplinares , con visión económica, técnica e organizativa. Engadiu que “a descoordinación neste comité reduce gravemente a eficiencia do uso dos recursos humanos, técnicos e económicos da empresa e retarda a obtención de resultados”. Asemade, aconsellou tirar proveito de Internet como metodoloxía para innovar en vendas: “Quen proba a venda online con éxito, repite”.
Susana García, directora da Interprofesional do Viño (OIVE), sinalou que aspiran a aumentar cota de mercado ao viño, á conta de refrescos e cervexas con alcol. A OIVE conta con 12 millóns de euros para promoción. Segundo explicou, “cómpre tomar moitas decisións ao consumir viño: tipo, orixe, intre de consumilo… funcionan como atrancos de cara ao gran consumo. Buscamos que sexa un pracer tomalo, sen complicacións”.
Iago Quintana, director xeral de DairyLac, falou da evolución positiva da entidade, formada pola agrupación de varias cooperativas: “En 2016 procesáronse 24 millóns de litros de leite e facturáronse 7,7 millóns de euros. En 2017 as cifras son 38 millóns de litros e 14 millóns de euros.”
Como lembraremos, o proxecto AgroSmartCoop está liderado por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias) e constituído por oito entidades beneficiarias de seis contornas europeas pertencentes aos ditos tres países: Galicia, Castela A Mancha, Euskadi e Estremadura en España; Nouvelle – Aquitaine en Francia e o Norte de Portugal.

PUBLICIDADE