Especialistas en ciberseguridade analizan os retos da directiva NIS2 nun webinar

martes, 3 de xuño do 2025 Redacción

Esta mañá tivo lugar o webinar A NIS2, seguridade e boas prácticas, organizado por PuntoGal en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e o nodo galego de ciberseguridade ciber.gal. O encontro, de carácter virtual, serviu para achegar ao público profesional os principais retos e recomendacións prácticas da nova directiva europea NIS2, que reforza os requisitos de seguridade nos sistemas dixitais de entidades públicas e privadas.
A sesión contou coa participación de expertos recoñecidos no ámbito da ciberseguridade. Nacho Amadoz, avogado especializado e socio da consultora Mooenia, comparou o impacto da directiva co que tivo no seu día a lexislación sobre protección de datos, sinalando que a súa aplicación non se limitará a momentos de crise ou infraccións, senón que suporá un cambio estrutural para un gran número de organizacións.
Cristina Filgueira, consultora en Esquema Nacional de Seguridade en Tempo Consultores, afondou nas obrigas concretas da norma, como a comunicación de incidentes, a designación de responsables de seguridade e a obriga de manter certificacións vixentes, sinalando tamén os posibles cambios derivados das revisións bianuais.
Desde unha perspectiva práctica, Diego Vázquez, CEO de Imaxín Software, compartiu a experiencia da súa empresa na adaptación ao ENS, destacando como o cumprimento normativo contribuíu a mellorar a eficiencia interna e reforzar a seguridade nos procesos baseados na nube.
O evento foi moderado por Cristina Ríos, de PuntoGal, quen subliñou a importancia de crear espazos para a divulgación técnica arredor de normativas que marcarán o futuro inmediato da seguridade dixital. No peche, Barbara García, técnica de coñecemento e concienciación de INCIBE, puxo o foco na prevención e na formación como eixos clave para consolidar hábitos seguros no ámbito empresarial.
A directiva NIS2, que será de obrigado cumprimento nos Estados membros da UE, amplía o alcance da normativa anterior, esixindo medidas máis rigorosas a operadores de servizos esenciais e provedores dixitais. Neste contexto, PuntoGal puxo en marcha a unha páxina web, onde se pode consultar información detallada, recursos prácticos e un díptico descargable con recomendacións clave.
Estas accións insírense na estratexia de PuntoGal para reforzar a ciberseguridade en Galicia, coa publicación de guías específicas para empresas, usuarios e medios, e a súa implicación activa en entidades internacionais como a Global Cyber Alliance, Nonprofit Cyber ou a Internet Watch Foundation. A maiores, a entidade vén de reforzar os seus protocolos de vixilancia web en colaboración coa empresa iq.global.