Especialistas en comunicación e turismo mergúllanse no Camiño Norte ao seu paso por Lugo

xoves, 7 de febreiro do 2019 Redacción

Os expertos en turismo do ámbito estatal e internacional están a coñecer estes días o Camiño Norte de Santiago, da man da Deputación e da súa iniciativa-itinerario Famtrip unha viaxe de irmandade polas terras lucenses destinada entre outras cousas a facer comunidade dixital arredor das mesmas. Na andaina participan até pasadomañá un total de 16 expertos en turismo: influencers, comunicadores e representantes de axencias especializadas.
O obxectivo da experiencia é facerlles vivir o Camiño Norte e que coñezan ao detalle o seu potencial, “co fin de dinamizar turisticamente a contorna de cara ao próximo Xacobeo 2021 e convertela nunha alternativa idónea ao masificado camiño Francés”, sinala a Deputación.
Na andaina participa o deputado de Turismo, Eduardo Vidal, quen xa realizou parte do itinerario xunto aos expertos, salientando que “este Famtrip ou viaxe de familiarización por terras lucenses do Camiño do Norte é o mellor escaparate para impulsar este importante produto turístico que atravesa a nosa provincia”. Tamén puxo o foco na importancia de “vivir a experiencia en primeira persoa”, unha das razóns de ser do Famtrip e que repercute positivamente, engadiu, nun mellor coñecemento da zona por parte das axencias de viaxes, o que achegará o destino a viaxeiros e turistas de todo o mundo. Amais, dixo, “os xornalistas especializados en viaxes difundirán nas súas reportaxes, con maior detalle, todos os encantos e recursos naturais, histórico-culturais e gastronómicos do Camiño do Norte ao seu paso pola nosa provincia”.
Vidal tamén salientou a importancia do percorrido en si mesmo: “O Camiño do Norte consolidouse no terceiro posto dos camiños, por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués; e en 10 anos foi quen de triplicar o número de peregrinos sendo escollido por case 20.000 camiñantes na súa viaxe a Compostela”.
En total son 16 representantes de axencias especializadas no Camiño de Santiago e xornalistas viaxeiros os que asisten a este Famtrip que organiza a Deputación de Lugo. A participación internacional vén representada por: Go Camino de Bélxica, MAE Peregrina Tours de Portugal; Ponte Atlántica Produçao de Brasil, Traveller 24.com de Sudáfrica, Walk the Camino e Corazón Travel de Inglaterra. Como representantes nacionais participan Revista Otros Destinos, Viajar, Correos, La Razón, Go Travel e Spain is More.

PUBLICIDADE