Espérase que Apple presente o seu servizo de vídeo baixo demanda o día 25
mércores, 13 de marzo do 2019
O vindeiro día 25 Apple ten programado un evento no
Steve Jobs Theater en Cupertino que baixo o lema de It’s show time dá a entender que será a presentación do servizo de
vídeo baixo demanda da compañía da mazá, como parece confirmar a convocatoria
de numerosas celebridades e executivos do sector audiovisual.
Segundo Bloomberg, Apple
estaría a traballar contra o reloxo para pechar acordos con numerosas compañías,
para así poder contar cun amplo catálogo de películas e series de televisión,
ou sexa, que non se limitaría ás súas producións orixinais ao igual que tamén
fan plataformas como Netflix, Amazon Prime Video e HBO. Entre as compañías coas
que Apple estaría a negociar figuran AT&T (propietaria da HBO), CBS
(propietaria da rede Showtime) a canle Starz e outras, coas que podería pechar
acordos este mesmo venres, a tempo para planificar o seu anuncio o día 25.
Cómpre lembrar que a aplicación de televisión que ten actualmente Apple nos
EE.UU. permite acceder aos contidos de HBO, ou sexa, que a nova plataforma de Apple
podería ter ligazóns con actuais plataformas de televisión de pagamento,
mentres que axentes como Netflix é de esperar que se manteñan á marxe, por ter
xa un volume moi importante.
Tamén é posible que se aproveite o evento para anunciar unha renovación de
Apple News, aplicación que pasaría a incorporar contidos de revistas. Deste
xeito Apple pasaría a ter 3 grandes servizos de subscrición (música, vídeo e
publicacións) cumprindo co avanzado aos seus accionistas nos últimos meses.