Esri dota de tecnoloxía pioneira á nova cartografía dixital de Galicia
mércores, 12 de abril do 2017
- Diego Hidalgo, Industry Manager de Goberno de Esri España
O
pasado mes de marzo foi dado a coñecer un novo instrumento para
incrementar a información específica e inmediata da contorna na que
vivimos: a Base de Datos
Cartográfica de Galicia en formato SIX (Sistema de Información
Xeográfica). Trátase dun recurso abeirado ao Plan galego de
cartografía e información xeográfica que foi impulsado pola
Consellería de Medio Ambiente e desenvolvido en parte pola empresa
Esri, sendo o resultado final “unha
cartografía dixital pioneira que abrangue unha gran cantidade de
información temática nun formato normalizado, á que se pode
acceder de forma aberta e gratuíta, sen restricións e con total
transparencia”. Tanto Medio Ambiente como Esri engadiron na súa
presentación que se trata da primeira vez que Galicia conta cun
recurso así, unha ferramenta para ser integrada en infraestruturas
de datos espaciais ou implementada en servidores web de mapas. Co fin
de afondar un pouco máis nestas funcións e posibilidades tivemos
ocasión de falar con Diego Hidalgo, Industry Manager de
Goberno de Esri España.
-A
vosa empresa, Esri, está detrás da materialización da Base de
Datos Cartográfica de Galicia en formato SIX (Sistema de Información
Xeográfica). En que consistiu exactamente o voso traballo?
-Os
labores de produción cartográfica da base topográfica realizounas
directamente o Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de
Galicia. O noso labor foi facilitarlles as ferramentas necesarias, a
través do acordo marco que temos coa Xunta a través da axencia
AMTEGA, o asesoramento para poder levar a cabo os devanditos
traballos, así como a presentación dos mesmos.
-Que
vantaxes creedes que pode reportar esta base de datos para a
cidadanía galega? Que cousas nos vai permitir facer, como cidadáns
ou como técnicos?
-En
primeiro lugar, os cidadáns galegos beneficiaranse dunha mellor
xestión da súa contorna, tanto por parte das administracións
públicas como das empresas que operen na Comunidade, pois ambas
poderán contar con datos xeográficos coherentes e unificados.
Moitas das grandes melloras (por exemplo, a xestión da auga) pasarán
inadvertidas para o cidadán, pero estarán presentes. Hoxe en día,
temos máis datos que nunca, pero só usándoos coherentemente,
grazas á tecnoloxía, poderemos coñecer mellor a nosa contorna. A
optimización de recursos, máis transparencia e máis participación,
son as claves deste proxecto.
-Na
presentación da plataforma fixemos fincapé desde Código Cero na
utilidade da mesma para coñecernos mellor a nós mesmos. Creedes que
é así?
-Efectivamente.
A plataforma consolidará a vasta cantidade de información
dispoñíbel a través dun único acceso. Desta maneira, os datos da
xeografía galega estarán consolidados. Seremos capaces de confiar
nesta información sen temor a trabucarnos. Isto redundará na
posibilidade de tomar decisións máis efectivas, baseadas na
evidencia. Podemos acceder en todo momento a información válida,
por parte de empresas, xestores públicos ou particulares.
-No
acto de activación da base de datos tamén se destacou o feito de
que se trate dunha ferramenta pioneira, ou sexa, que abre un antes e
un despois na nosa maneira de acceder á información cartográfica
galega. En que sentido exactamente é pioneira?
-O
máis relevante é que pasamos dunha cartografía clásica a unha
produción cartográfica baseada en información xeográfica,
adaptada á era dixital. As facilidades para descargar capas de
información, analizalas, tratalas e xerar mapas ou aplicacións
permitirán aos diferentes usuarios interactuar co territorio dunha
forma sinxela.
-É
unha ferramenta propia do seu tempo? Que características das
correntes actuais de transparencia e participación considerades que
reúne?
-Totalmente.
Hoxe en día, temos máis datos que nunca. Segundo IBM, o 90% dos
datos existentes foron creados en apenas os dous últimos anos da
nosa historia. E cada vez máis, as administracións públicas son
sensíbeis ás peticións de meirande transparencia e participación
da cidadanía. Por tanto, esta base cartográfica foi despregada nun
momento oportuno. Poder pór ao alcance do cidadán toda a
información posíbel é un obxectivo loábel, que require de
ferramentas que garantan a seguridade e o funcionamento deste fluxo
de datos. Ademais, as cidades son cada vez máis intelixentes. É
dicir, apóianse na tecnoloxía para garantir o seu desenvolvemento
sustentábel, unha mellor calidade de vida, unha meirande eficiencia
ao xestionar recursos e para fomentar a participación cidadá.
Ferramentas como esta base cartográfica son a pedra angular dunha
estratexia que sitúa os datos na cerna da toma de decisións á hora
de xestionar as nosas cidades, fomentando a colaboración entre
administracións públicas, cidadáns e empresas.
-Faládenos
un pouco da vosa empresa, cales son os seus principais ámbitos de
actividade, as súas liñas estratéxicas, os ámbitos onde
destaca...
-Esri
é unha empresa especializada no desenvolvemento de mapas
intelixentes, tamén coñecidos como Sistemas de Información
Xeográfica. Os mapas intelixentes son ferramentas cartográficas
dixitais que permiten capturar, analizar, xestionar e visualizar
datos para tomar decisións de maneira máis áxil e eficaz. As
aplicacións dos SIX son practicamente ilimitadas, podendo ser
implementadas en diversos sectores como as administracións públicas,
defensa e salvamento, augas, emerxencias, finanzas, loxística,
telecomunicacións ou enerxía, entre outros.
A
nosa tecnoloxía, coñecida como The Science Of Where, permite
resolver problemas complexos de maneira sinxela a través da
localización. Tanto usuarios de administracións públicas como
empresas privadas poden utilizar os nosos mapas mesmo aínda que
teñan coñecementos técnicos limitados. A nosa ferramenta, a
Plataforma ArcGIS, é a máis estendida do mundo e hoxe en día é o
estándar na materia, especialmente en contornas profesionais. Está
en constante evolución e é accesíbel tanto desde escritorios como
en liña. Para desenvolvedores, a Plataforma ArcGIS tamén fornece
ferramentas que lles permiten crear aplicacións de seu.
-Pódese
dicir que Esri quedou satisfeita destes traballos de cartografía
dixital realizados coa Consellería de Medio Ambiente?
-Sen
dúbida. Estamos seguros de que esta base cartográfica axudará a
manter a coherencia dos datos xeoespaciais en Galicia, garantindo a
calidade da produción xeográfica na Comunidade. Nunha contorna no
que cada vez hai máis datos dispoñíbeis, é importante ter a
certeza de que son os correctos, en todo momento.