Essence Food consegue respaldo internacional para o seu proxecto de tecnoloxías e alimentación sustentábel

xoves, 25 de febreiro do 2021 S. P.

A empresa galega Essence Food vén de acaparar a atención internacional pola súa innovación aplicada ao ámbito alimentario (como recordaremos, Essence Food impulsa un proxecto de impresión 3D, rastrexabilidade e blockchain para achegar alimentos máis sustentábeis e funcionais). En concreto, obtivo o recoñecemento da feira GulFood Dubai 2021, onde, segundo nos confirmou o director executivo da firma, Marcio Barradas, foi quen de espertar o interese dos fondos de capital para participar no proxecto.
A firma, con sede na Illa de Arousa, regresou de Dubai coa confianza de “ter dado un paso moi importante en materia de proxección internacional”. E engaden: “Conseguimos a forza suficiente para afirmar que a nosa fábrica de Galicia será unha realidade en 2022, pero tamén temos a confianza de que en Dubai puxemos a primeira pedra para a proxección de Essence Food nunha chea de países”.
O proxecto que Essence Food presentou estes días internacionalmente é, en palabras da empresa, “unha proposta que vai máis aló do desenvolvemento de produtos dietéticos elaborados á medida das necesidades de cada persoa ou obxectivo nutricional”, dado que todas as elaboracións acreditan a rastrexabilidade (o que se coñece tamén como trazabilidade) e a seguridade alimentaria na contorna blockchain (tecnoloxía de cadea bloques, moi presente no ámbito das criptomoedas para asegurar as máximas e mellores condicións de seguridade e fiabilidade).
“Este é un proxecto con capacidade de evolucionar e adaptarse a diferentes contornas”, explica Barradas, “que xorde cunha visión global aproveitando o bo da tecnoloxía”.
Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel
Essence Food atópase na fase de desenvolvemento para a construción da súa primeira fábrica e o inicio da súa actividade. En Dubai os seus impulsores conseguiron o respaldo dun sector preocupado polo impacto ambiental e social que produce o desperdicio alimentario. Así nolo conta Barradas: “Países, organizacións e empresas do sector alimentario son conscientes de que temos que afrontar o reto de alcanzar o residuo cero e, ao mesmo tempo, acabar coa fame no mundo, tal e como se recolle nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel”.
Essence Food foi unha das empresas innovadoras invitadas á edición deste ano de GulfFood. Durante estes días déronse cita empresas e entidades de máis de 85 países. Este ano, Essence Food participou nunha dos relatorios centrais do evento, Food waste: from trash to cash?, e tamén protagonizou a demostración de clausura de GulFood coa elaboración dunha reprodución a escala e comestíbel da torre Burj Khalifa con impresión 3D.

PUBLICIDADE