Essence Food presentará en Dubai a súa proposta de impresión en 3D de alimentos funcionais e sustentábeis

mércores, 17 de febreiro do 2021 S. P.

A galega Essence Food vai estar presente na feira GulFood Dubai 2021, un dos maiores acontecementos do mundo en materia alimentaria. Farao dando a coñecer (entre outras cousas) a súa innovadora proposta de impresión 3D de alimentos funcionais, Moodbytes, que xa está a piques de contar cunha fábrica de seu.
Será a vindeira semana, entre o 21 e o 25 de febreiro, cando a firma galega Essence Food presente na 26 edición da GulFood Dubái unha innovadora proposta alimentaria baseada na aplicación da tecnoloxía dixital a novas formas de alimentación innovadoras e funcionais. Essence Food vira en torno ao aproveitamento dos excedentes de produción alimentaria para “frear o desperdicio e xerar alimentos liofilizados de alto valor nutricional”.
En Galicia a proposta xa recibiu o respaldo da aceleradora Bussiness Factory Food (BFF) impulsada pola Xunta de Galicia, e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia e empresas de referencia na industria alimentaria.
Previamente, foi galardoada co primeiro premio Food Tech Solutions en GulFood 2020 ou co Best Maker en GulFood 2019, ademais de ser empresa convidada ás coñecidas charlas Ted.
Mediante unha avanzada técnica de deshidratación probada entre consumidores, os novos produtos desenvolvidos por Essence Food conservan todas as súas calidades organolépticas mesmo en condicións climáticas adversas (calor, frío ou humidade) durante un longo período de tempo superior a 5 anos.
Marcio Barradas, director executivo e fundador de Essence Food, viaxa aos Emiratos Árabes acompañado de parte do seu equipo para presentar as ditas innovacións nun espazo propio de elaboración de comida en 3D e participar no relatorio Food Waste - From trash to cash (martes 23).
Acompañarano Rafael Simón, co-director executivo de Essence Food, e o chef catalán Mateu Blanch, pioneiro na impresión culinaria en 3D e posuidor dunha Estrela Michelín.
Blanch será o encargado de dirixir as demostracións nas que se visualizará o funcionamento e a versatilidade de Moodbytes, empresa participada por Essence Food, especializada na impresión 3D de alimentos.
Primeira planta industrial en Galicia
En palabras do seus creadores, Essence Food nace para “abrir unha nova era na alimentación cunha visión comprometida co desenvolvemento sustentábel e os obxectivos da Axenda 2030”. Ademais de camiñar cara ao residuo cero, desenvolve técnicas para pór en valor toda a cadea de subministro e garantir o dereito do consumidor a saber que está a comer, como foi elaborado, quen o cultivou ou fabricado ou onde se produciu, grazas á custodia de información blockchain (a tecnoloxía de cadea de bloques que está na base das criptomoedas e da seguridade blindada das transaccións económicas na Rede).
Os impulsores da empresa lembran que “malia o alto compoñente tecnolóxico, os produtos de Essence Food son 100% naturais e manteñen intacto o seu compromiso ambiental e social ao facilitar o fornecemento nutricional necesario para o corpo humano sen que o acceso aos alimentos sexa un problema económico”. E engade Marcio Barradas: “Non se trata só da rastrexabilidade dos alimentos, a nosa solución achega moita máis información de utilidade para o consumidor que lle devolve un dereito que a industria tradicional lle ten arrebatado: saber que come”. Marcio recorda que Essence Food é “un claro exemplo de transformación sustentábel e dixital como resposta ás necesidades do mercado, somos unha compañía inmersa na economía circular e traballamos nunha contorna de innovación alimentaria e da saúde”.
Essence Food, que proxecta a súa primeira planta industrial en Galicia, é capaz de pór en valor miles de toneladas de desperdicio alimentario (“excedentes, froitas e verduras cortadas ou feas, restos de produción”) coa máxima garantía e seguridade sanitaria”.

PUBLICIDADE