Esta fin de semana inicia a beta aberta de Dragon Ball FighterZ para PS4 e Xbox One

venres, 12 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os seareiros de As Bolas Máxicas van poder vivir unha fin de semana moi especial, xa que o Dragon Ball FighterZ, o máis prometedor videoxogo baseado na franquía de Akira Toriyama en moitos anos e que non sairá á venda até o vindeiro día 26, vai celebrar a súa beta aberta para Xbox One e PlayStation 4, de xeito que os xogadores de consola poderán probar este título cun par de semanas de antelación, o que poderá contribuír a tomar unha decisión de compra do mesmo.
A beta aberta de Dragon Ball FighterZ botará a andar o sábado para os xogadores que xa reservasen o xogo, mentres que o resto de xogadores terán que agardar ao domingo para pór as mans enriba á versión de proba que permitirá probar un limitado número de modos en liña e fóra de liña durante 48 horas, podendo facer uso dun total de 18 loitadores: Son Goku (superguerreiro), Vexeta (superguerreiro), Son Gohanda (adulto), Freezer, Célula, o pequeno Bu, Kirilín, Picoro, Nappa, a androide número 18 e Bills.
Dende hoxe xa é posible instalar a versión de proba de Dragon Ball FighterZ en PlayStation 4 e Xbox One, mentres que a versión para PC queda fóra da beta.
Estamos ante un xogo de loita de 3 contra 3 cun amplo cadro de loitadores da serie de televisión que reflicten fielmente os seus ataques orixinais e gozan dun detalle gráfico sen precedentes nun videoxogo, que durante os vindeiros días permitiranos probar os seus modos de enfrontamento mundial e práctica (así como a posibilidade de acceder a unha canle coas repeticións dos enfrontamentos); presenta 7 escenarios moi recoñecibles (como o Torneo Mundial de Artes Marciais ou o planeta Namek) que irán destruíndose durante os combates; encadeando varios combos será posible xuntar as Bolas Máxicas para invocar ao Dragón para solicitar a súa axuda; e a beta incluso agocha un par de escenas especiais que homenaxean algúns dos momentos máis especiais da serie de animación.

Os ataques que podemos ver no xogo son moi fieis á serie de animación orixinal

Tráiler de Dragon Ball FighterZ

PUBLICIDADE