Esta finde celébrase en Lugo un evento participativo para transformar o rural: o II Terra Creative Jam
xoves, 20 de outubro do 2022
O Campus Terra da USC (Campus de Lugo) e a
incubadora Lug Open Factory organizan os días 22 e 23 de outubro, na
Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay da sede universitaria
luguesa, a segunda edición de Terra
Creative Jam, un evento creativo
e de xeración de ideas innovadoras orientada a “reinventar o medio
rural”. A comezos da semana estaba confirmada a participación
de medio cento de asistentes.
O II Terra Creative Jam, impulsado a través da
Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE),
en colaboración coa a incubadora Lug
Open Factory no marco de colaboración do proxecto AYCH
Interreg Atlantic Area, permitirá a estudantes e titulados da sede
universitaria luguesa participar en diversos obradoiros nos que
deberán resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, ao
tempo que achegarán solucións para transformar o rural cara a
meirandes sustentabilidade, eficiencia e competividade. Tocaranse
varias temáticas, tales como a economía verde, a produción
eficiente e sustentábel; a educación inclusiva e de igualdade; o
emprendemento dixital e uso das Tecnoloxías da Información e a
Comunicación (TIC) no rural; as industrias creativas e o
sector audiovisual; a alimentación e a vida saudábel; e a busca do
benestar animal e mellora dos ecosistemas. As ideas, produtos e
servizos que se desenvolvan deberán estar ligados ás temáticas
propostas.
Os participantes, xa de xeito individual xa en
equipo, poderán gozar dunha primeira xornada de ideación, con xogos
de creación de ideas e proxectos de economía circular, formación
con workshops específicos, prototipos con maquinas 3D,
gamificación, drons, Realidade Virtual e podcast e
actividades deportivas con caiac no río e escalada no rocódromo. A
segunda xornada consistirá nun hackaton onde por
equipos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución e
expoñela o xurado.
O tres mellores prototipos de proxecto terán unha
praza para todo equipo na Residencia formativa Lof Talent e no
programa de emprendemento Explorer USC. Ademais cada un dos membros
do equipo gañador, recibirá varios premios como cámaras tipo
GoPro, impresoras 3D-mini e tabletas, entre outros.
A asistencia a esta actividade é totalmente
gratuíta. O prazo de inscrición permanece aberto en liña ata as
23.59 horas do 21 de outubro. As prazas son limitadas e a
organización facilitará aos asistentes aloxamento e mantenza
durante os dous días que dura a Terra Creative Jam.