Esta primavera Vitae achéganos á linguaxe DAX e a ferramenta interactiva Power BI

martes, 11 de marzo do 2025 S. P.

A linguaxe DAX (Data Analysis Expressions) está especialmente presente no ámbito actual da programación, e coñecer os seus segredos é fundamental para a creación de ferramentas e proxectos tecnolóxicos de toda índole. Trátase dunha escolma de códigos, funcións, constantes e expresións de fórmulas que se emprega en Analysis Services, Power BI e Power Pivot en Excel e que axuda a crear información nova de datos nun modelo previo. Botar luz sobre esta linguaxe e permitirnos manexala con soltura é o gran obxectivo do Curso DAX Avanzado para Power BI da firma galega Vitae Consultores, que chega á súa cuarta edición esta primavera, en formato de aula virtual: os días 22 e 29 de abril, os días 6, 13, 28 de maio e o día 4 de xuño.
Serán 18 horas de formación sobre unha linguaxe que permite ir máis alá dunha simple xestión para meternos de cheo no eido da análise intelixente da información.
No curso porase o foco a maiores en Power BI, a ferramenta interactiva de visualización de datos desenvolvida por Microsoft para o ámbito da intelixencia empresarial.
Nun plano máis específico esta actividade formativa pon o foco en axudarnos a entender o alcance da devandita linguaxe, amais de dominala, xa que, como ben teñen sinalado os dous grandes gurús desta metodoloxía de traballo, Marco Russo e Alberto Ferrari, “DAX é simple pero non sinxelo”.
A consultora galega Vitae explica que non se trata dunha actividade formativa de Power BI en xeral, “se ben todo o curso realizarase en Power BI e se ben comentaremos aspectos do seu ecosistema, gran parte do contido podería aproveitarse en Excel, dende Power Pivot”. Amais, engade, tampouco se trata dun curso centrado exclusivamente en Power Query nin tampouco é un obradoiro monotemático sobre integración de datos, pero iso si, “cumprirá conectar os datos do exemplo e comentar as diferencias de realizar operacións dende ETL ou dende DAX”, apuntan dende Vitae. Ademais, o curso irá máis alá de formarnos en modelado de datos (aínda que en algún intre será preciso entendelo e comprobar as relacións e opcións que se poden propor) e das visualizacións e a creación de dashboards (malia que dalgún xeito haberá que ir comprobando o que se vai realizando).
En definitiva, trátase dunha actividade formativa na que se mostrará como crear medidas ou métricas que sexan de utilidade para responder ás preguntas de negocio que poidan ir xurdindo.
Estes son os obxectivos do curso, punto por punto:
-Entender a linguaxe DAX.
-Utilizar as principais funcións e coñecer os seus posíbeis usos.
-Crear medidas con boas prácticas.
-Comprender o contexto e ser capaces de modificalo.
-Amosar programas auxiliares que axuden a facilitar as tarefas ou dean novas alternativas.
-Aplicar diferentes técnicas para situacións diversas que se poden propoñer nun dashboard
O curso será impartido por Alejandro Ayala, formador e consultor de Power BI, con longa experiencia nesta ferramenta e en achegar recursos formativos sobre a mesma (dende hai máis de 5 anos). Alejandro está recoñecido como Microsoft Certified: Data Analyst Associate, Lean SixSgmaGreen Belty e máster en Business Intelligence e en Loxística Integral. Experto en Microsoft Power BI, Certificado MVP de Microsoft, o que o acredita como uns dos mellores expertos recoñecidos por Microsoft en Power BI en España, ademais impartiu formación a diversas empresas tanto a nivel nacional como internacional. É co-organizador da comunidade Power BI de Barcelona con máis de 1.400 membros e que organizan eventos e relatorios de prestixio nacional e internacional.