Esta semana celébrase en Vigo un congreso de tecnoloxías aplicadas ao ensino da electrónica

luns, 11 de xuño do 2012 Raquel Noya

Alfonso Lago Ferreiro e Martín Llamas Nistal, do Comité Organizador desta edición 

O vindeiro mércores, 13 de xuño, vai dar comezo en Vigo a X edición do Congreso TAEE (Tecnoloxías Aplicadas ao Ensino da Electrónica), que cada dous anos reúne a profesorado implicado na innovación no sistema educativo dentro da área da electrónica e tecnoloxías afíns.
Esta edición celébrase na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, da man de Alfonso Lago Ferreiro, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, e de Martín Llamas Nistal, do Departamento de Enxeñaría Telemática, á fronte do Comité Organizador.
O congreso TAEE 2012, que está co-financiado tecnicamente pola Sociedade de Educación do IEEE, estrutúrase en catro conferencias plenarias, dúas mesas redondas, dúas sesións especiais e 19 sesións presenciais (todas elas de carácter oral), que servirán para achegar a actualidade do sector e as ferramentas máis axeitadas para impartir esta materia no ensino superior.
As xornadas continuarán ao longo do xoves 14 e venres 15 de xuño, e entre os relatores convidados destaca a presenza de Mireia Fábrega Iglesias, xestora de proxectos Erasmus na EACEA (Education Audiovisual & Culture Executive Agency; Carlos Vaz de Carvalho, presidente do Capítulo Portugués da Sociedade de Educación do IEEE e director do Grupo de Investigación GILT; e Russ Meier, vicepresidente de Conferencias e Workshops da Sociedade de Educación do IEEE e profesor na Escola de Enxeñaría de Milwaukee, que achegará a súa visión da utilidade de ferramentas como as redes sociais Facebook, Twitter, Linkedin, Youtube e Google+ como novas formas innovadoras de conectar as persoas.
Tamén se contará coa presenza do Catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, antigamente Reitor da USC; coa do vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Roberto Capilla Lladró ou co Coordinador de Avaliacion de Ensinanzas e Institucións da ANECA, Laureano González de la Vega, entre outros.
O congreso clausúrase o vindeiro venres, día 15 de xuño, a partir das 13:30 cun xuntar para os asistentes.

PUBLICIDADE