Esta semana chega á Coruña unha nova edición da xira Ecommerce Tour

martes, 12 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves 14 de novembro celebrarase na nosa terra a segunda edición do Ecommerce Tour A Coruña, unha xornada na que se darán a coñecer as últimas novidades en comercio electrónico, a loxística, a transformación dixital e a mercadotecnia por email. A recalada galega da xira, que comeza ás 10.00 horas en PALEXCO, porá o foco no sector da moda. De feito, no seu transcurso celebrarase unha mesa redonda na que se darán a coñecer empresas consolidadas neste sector e outras de novo cuño que teñen en común a súa galeguidade e o enfoque dixital. Entre estas firmas estarán presentes Minimalism Brand, Coosy, Fuikaomar.es ou Lolita Moda.
A parada galega do tour en 2019 vén cos mellores precedentes: a capacidade para xuntar, o ano pasado, máis de 200 profesionais do mundo do ecommerce e o sector dixital galego, “co obxectivo de coñecer de primeira man o sector do comercio electrónico na cidade coruñesa”. O evento celebrarase no Palacio de Exposicións e Congresos PALEXCO (A Coruña), onde se espera que este ano se incremente o número de asistentes, para dar a coñecer as últimas novidades en vendas en Internet, loxística, transformación dixital, email mercadotecnia e omnicanle.
“As posibilidades que ofrecen a tecnoloxía e o comercio electrónico permiten apostar polo emprego local e as empresas de recente creación. Para facer fronte á transformación dixital, o evento dispón de casos de estudos, relatorios e mesas redondas de diferentes compañías na Comunidade galega” salienta Samuel Rodríguez, socio director de Ecommerce News, empresa encargada da organización do evento.
Os asistentes do Ecommerce Tour A Coruña terán a oportunidade de coñecer in situ casos de éxito galegos como Soloimprenta da man de Juan Calvo, director e fundador da compañía, fundada hai sete anos e convertida xa “nunha das empresas de referencia do seu sector”. Ademais, Minimalism Brand, outra tenda en liña especializada en venda de moda responsábel e minimalista, que fabrica os seus produtos a través da reciclaxe de plástico, exporá a súa experiencia en Internet. O evento contará co patrocinio de BBVA, WebLoyalty, Sabadell, Don Dominio, Fotografía eCommerce, Retail Rocket e Vino Premier.
Amais de todo o devandito, no transcurso da xornada daranse a coñecer os gañadores dos Ecommerce Tour Awards Galicia 2019, que recoñecen o labor das mellores tendas online e proxectos da nosa terra. Todas as empresas que así o desexen xa poden presentar as súas candidaturas até o 8 de novembro.
Galicia medra en comercio electrónico
Segundo engaden os responsábeis da xira, a presenza da mesma na nosa terra porá de relevo un feito importante: o importante crecemento experimentado en Galicia o polo número de usuarias e usuarios que adquiren produtos de consumo e servizos de forma online: “A Comunidade Autónoma é hoxe en día a segunda de España que máis merca por Internet, segundo o informe do segundo Observatorio sobre hábitos en ecommerce de Trusted Shop”. En concreto, neste informe sinálase que un 31,2% das galegas e dos galegos asegura que realiza compras online unha (ou máis dunha vez) á semana, fronte á media española que se sitúa no 26,3%. Galicia comparte posición con Castela e León, ambas as cun 31,2% e son superadas por Cantabria 33,3% e seguidas pola Rioxa (30,8%) todas elas superando a media estatal.

PUBLICIDADE