Esta semana desenvolverase unha nova edición coruñesa da OSHWDem
martes, 3 de novembro do 2015
Os interesados na cultura Maker terán o vindeiro sábado na
Domus da Coruña unha nova edición das xornadas
demostrativas de Open Source Hardware, OSHWDem que botaran a andar
en 2012, e que, seguindo a filosofía BarCamp sobre electrónica e Open
Source Hardware permiten que o público poida facer un achegamento a un ámbitos
tecnolóxicos de maior dinamismo nos últimos anos grazas á emerxencia de
tecnoloxías como as impresoras 3D ou a robótica, que conseguen estar case ao
alcance de calquera.
Este evento está organizado pola asociación BricoLabs, que semanalmente xunta a
interesados en deseñar, construír e probar todo tipo de trebellos propostos
polos propios participantes, e que nesta feira contan con convidados doutras
partes da península, que amosarán os seus proxectos e impartirán algúns
pequenos relatorios. Neste encontro poderanse ver modernas impresoras 3D de
fabricación propia (incluíndo impresoras encartables e unha impresora fabricada
con materiais reciclados), un dron subacuático de fabricación galega ou un
proxecto de creación de próteses para membros amputados baseándose en
tecnoloxía aberta.
A OSHWDem completarase durante esta
semana con obradoiros de balde de placas electrónicas de robótica e de música
electrónica, e como novidade, este ano organízase unha competición de robótica
pensada especialmente en estudantes de segundo ciclo da ESO e Bacharelato, que
o vindeiro xoves loitarán por gañar postos na Liga Nacional de Robótica de
Competición (LNRC).
A organización prevé superar o milleiro de asistentes da anterior edición, e
como reclamo no seu programa figuran atractivos
concursos como carreiras de robots sigue liñas e batallas de Sumo Robot,
así como outras dúas novas categorías de competición: robot resolve labirintos
e batallas de robots.
Vídeo no que podemos ver como foi a edición do ano pasado da OSHWDem
