Esta semana proseguen en Boiro as actividades da Zona Gaming
martes, 31 de decembro do 2024
Boiro vai comezar o ano con lecer tecnolóxico para a mocidade. Farao coa Zona Gaming, unha proposta encadrada na programación local de actividades de Nadal do Concello e que logo da exitosa experiencia dos días pasados (a Zona Gaming estivo operativa os días 23, 26, 27 e 28 de decembro) volve o 2 de xaneiro en horario de mañá e de tarde (de 11.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas) e prolongándose os días 3 e 4 de xaneiro.
A Zona Gaming estará novamente habilitada no local Leñaverde do Centro Social de Boiro. Ofrecerá xogos online e presenciais e con actividades pensadas para a mocidade a partir dos 8 anos.
A un nivel máis concreto, a Zona Gaming conta cun simulador de Fórmula 1, unha actividade para comprobar a destreza ao volante; lentes de Realidade Virtual para mergullar á rapazada noutras realidades como viaxar ao oeste ou montar nunha montaña rusa.
A Zona dispón igualmente de dúas máquinas arcade que contan con máis de 3.000 xogos; unha zona de dardos para probar as habilidades de puntería; e outras propostas lúdicas pensadas para a mocidade.
Con esta proposta de lecer tecnolóxico, participativo e aberto, o Concello de Boiro busca “crear unha contorna innovadora e accesíbel que fomente a diversión e a aprendizaxe nun ambiente seguro”. Búscase achegar entretemento pero tamén unha porta ás novas tecnoloxías e á creación gamer, un sector en auxe dende o punto de vista profesional e empresarial.