Esta semana remata o prazo para presentarmos candidaturas aos Premios TIC Galicia

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Clúster TIC pecha esta mesma semana o prazo de presentación de candidaturas para a segunda edición dos premios TIC Galicia, organizado en colaboración con Laconnetwork co obxectivo de mostrar o esforzo das organizacións, institucións e empresas galegas ligadas ao sector das novas tecnoloxías. Segundo explica a organización do certame, as empresas e emprendedores interesados poderán inscribirse até o domingo 20 (inclusive) na páxina web de Laconnetwork. Terán que acreditar o labor levado a cabo durante 2018 nos eidos do deseño, o desenvolvemento e a implantación de procesos ou servizos galegos focalizados na innovación e no uso das TIC.
As nove categorías son: Mellor Startup (adicada a aquelas empresas galegas con menos de dous anos de traxectoria); Mellor Desenvolvemento de Software Libre (que pon o foco naquelas compañías que desenvolveran a mellor solución de programación baixo esta licenza); Mellor Campaña de Marketing Dixital (que recoñece aquelas accións de mercadotecnia dixital que foran lideradas por empresas de medios dixitais galegas); Mellor Empresa Tractora (pensado para aquelas compañías que apostan e confían nas startups galegas contratando os seus produtos e servizos); Mellor Iniciativa TIC (que busca aquelas asociacións, institucións e organizacións que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e emprendedores); Mellor Innovación (I+D+i) (que distinguirá aqueles organismos, fundacións e asociacións que realizasen os mellores investimentos en innovación en 2018); por último Mellor Internacionalización (que premiará a aquelas empresas galegas que presenten o mellor plan de internacionalización en 2018).
Ao abeiro das nove modalidades devanditas tamén se inclúen dúas mencións de honra para mostrar o importante labor daquelas persoas e empresas que presenten unha especial implicación co sector TIC galego. Estas son o Premio Lacón Evanxelizador, que se outorgará ás persoas que se impliquen de maneira específica e constante na difusión do sector TIC autonómico e que organizaron con éxito algún dos encontros mensuais Laconnetwork; e o Premio Traxectoria, que recoñece ás persoas que, de maneira recorrente e constante, se impliquen nas TIC galegas.
Como dixemos, todas as candidaturas recibidas até o 20 de xaneiro de 2019 serán avaliadas por un comité de especialistas do sector que terá voz e voto para seleccionar os finalistas. Unha vez pechada a fase de pre-selección, os finalistas elixidos das categorías Mellor Startup, Mellor Desenvolvemento de Software Libre, Mellor Campaña de Marketing Dixital, Mellor Innovación (I+D+i) e Mención especial – Premio Lacon Evanxelizador; serán feitos públicos e procederase a unha votación popular online que terá un peso do 50% sobre o resultado final, o outro 50% será a valoración do comité de especialistas. As categorías Mellor Iniciativa TIC, Mellor Empresa Tractora, Mellor Internacionalización e a Mención Especial – Premio Traxectoria outorgaranse directamente polo comité de especialistas.
A gala de entrega dos premios TIC Galicia terá lugar no evento anual Laconnetwork 2019.

PUBLICIDADE