Estabilizador para gravar vídeo co iPhone 3GS
venres, 3 de xullo do 2009
A posibilidade de gravar
vídeo foi unha das novidades do iPhone 3GS, pero aínda que a cámara teña enfoque
automático, estabilizar as tomas non é doado, e para os usuarios máis esixentes
dende a tenda en liña de Zacuto venden o Zgrip iPhone PRO,
un accesorio que equivale a unha steadicam
en miniatura, de xeito que permite que os movementos das gravacións co móbil de
Apple non sexan moi bruscos, aínda que o
seu prezo é bastante elevado, pois está á venda a 295 dólares
(210,67 euros), o que resulta un investimento bastante elevado para gravar
vídeo a unha resolución de só 640 x 480 píxeles (parecendo máis razoable mercar
unha cámara de vídeo antes que intentar mellorar as tomas cun móbil).
De feito, utilizar
accesorios para mellorar as gravacións co móbil parece unha práctica ridícula,
xa que a vantaxe de utilizar un teléfono para captar vídeo é que o levamos
sempre enriba, non a súa calidade, e ter que cargar cun complemento para
realizar gravacións sería case tan molesto como transportar unha cámara de
vídeo.
De todos os xeitos, o Zgrip iPhone PRO non deixa de ser un invento curioso e
bastante efectivo, coma podemos ver no seguinte vídeo: