Este ano chegarán ao mercado lentes con audiófono integrado

luns, 3 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

EssilorLuxottica anunciou hoxe que recibiu da FDA e dos reguladores europeos encargados do marcado CE a autorización para poder comercializar as súas lentes Nuance Audio cunha certificación propia de audiófonos de venda libre (OTC).
Estas lentes con audiófono integrado comezarán a súa comercialización nos EE.UU. durante o primeiro trimestre do ano, estando previsto que na primeira metade do ano chegue a países europeos como Francia, Alemaña ou Reino Unido, comezando tal expansión por Italia.
EssilorLuxottica quere aproveitar a súa ampla rede comercial para facer que a tecnoloxía de Nuance Audio chegue rapidamente ao grande público, abrindo unha nova categoría de produto, que destaca polo feito de combinar un accesorio cunha estética coidada coas funcionalidades avanzadas que permiten así mellorar a vista e o ouvido a través dun único produto.
Dado que as solucións auditivas seguen a recibir unha menor atención que as dirixidas a mellorar a visión, o feito de utilizar lentes como unha canle para introducir os audiófonos pode supor un avance significativo a nivel comercial e social, desbotando certos estigmas propios do uso de audiófonos.