Este ano teremos novos xogos de Mario para Nintendo Switch

mércores, 21 de xuño do 2023 Marcus Fernández

A pasada tarde tivo lugar un completo Nintendo Direct, con numerosa información sobre unha chea de xogos para Nintendo Switch que chegarán nos vindeiros meses, como Pikmin 4 (que chegará o 21 de xullo), Detective Pikachu: El Regreso (á venda a partir do 6 de outubro) ou WarioWare: Move It! (que verá a luz o 3 de novembro), pero as grandes sorpresas da xornada son que o clásico Super Mario RPG contará con versión para Switch o 17 de novembro e o 20 de outubro verá a luz Super Mario Bros. Wonder, un novo título de desprazamento lateral de Mario, que promete ser un dos meirandes éxitos do ano.
Super Mario RPG é un xogo que moitos agardaban dende hai anos, xa que o primeiro xogo de rol de Mario deixara bo sabor de boca a moitos que desexaban volver gozar desta experiencia, para o que teremos unha versión con secuencias cinemáticas e gráficos renovados, nesta aventura na que Mario, Bowser, Peach e os personaxes orixinais Mallow e Geno unen as súas forzas e participarán en combates por quendas nos que deberán formar equipos de 3.
Pero o título que claramente eclipsou ao resto dos presentados no Nintendo Direct foi, sen dúbida, Super Mario Bros. Wonder, xa que unha entrega principal dun xogo de Mario non se anuncia todos os días (nin todos os anos), e desta volta teremos un xogo coas clásicas mecánicas de desprazamento lateral, pero con novidades como as Flores Marabilla, que dan pé a momentos espectaculares e incribles (como tubaxes que cobran vida ou permitir arrasar con todo transformandote nunha xigantesca bóla de pinchos).
Neste novo xogo poderemos elixir entre varios personaxes coñecidos (Mario, Luigi, Peach, Daisy, Yoshi e Toad) e como grande novidades temos unha transformación inédita en Mario elefante, potenciador que permite usar a trompa para dar unha boa malleira aos inimigos.

Vídeo co Nintendo Direct íntegro