Este ano teremos unha nova entrega de Monkey Island

luns, 4 de abril do 2022 Marcus Fernández

Devolver Digital anunciou hoxe o xogo Return to Monkey Island, un novo xogo de Ron Gilbert no que levarían a traballar en secreto durante os últimos 2 anos e que sería unha secuela de Monkey Island 2: LeChuck’s Revenge. Está previsto que esta colaboración entre Devolver Digital e Lucasfilms Games vexa a luz este mesmo ano.
O novo xogo pillou bastante por sorpresa aos amantes da franquía, non só porque non se filtrase información sobre o seu desenvolvemento, senón polo feito de que se vaia situar cronoloxicamente despois da segunda entrega, xa que a serie tivo un total de 5 entregas, aínda que Gilbert xa deixara caer que iso podería acontecer nunha publicación que fixo en 2013, na que comentaba a idea de crear unha aventura retomando as dúas primeiras entregas de Monkey Island e mantendo a súa complexidade, o que podería entusiasmar aos que gozasen dos xogos orixinais no seu día.
Gilbert tamén comentou a súa intención de refacer o célebre motor SCUMM que fixo posible as súas aventuras gráficas, polo que é probable que a nova entrega de Monkey Island supoña o rexurdimento das aventuras gráficas como unhas producións divertidas e desafiantes que actualmente están pouco presentes no mercado (especialmente despois dos problemas que tivo o estudio Telltale Games).

Vídeo no que se anuncia Return to Monkey Island

PUBLICIDADE