Este domingo se estrea nos EE.UU. o agardado Rock Band 2

xoves, 11 de setembro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 53.1 KB
Rock Band 2 saúda con certo humor aos usuarios que se fan co xogo antes do seu lanzamento oficial

En España o xogo Rock Band aínda é unha rara avis pois só se vende na versión para a consola Xbox 360 (chegando á PS2, PS3 e Wii a finais de mes) que incluso é bastante difícil de atopar nas tendas (por ter unhas vendas iniciais bastante fortes pese a que os seus instrumentos se vendían a un prezo moi elevado), polo que falar de que este domingo se estrea Rock Band 2 nos EE.UU. resulta un tanto rechamante, pois estamos a falar do lanzamento dunha secuela antes de que o xogo inicial saia para todas as plataformas en España.
Pero o lanzamento do xogo está a ser todo un fenómeno, pois consolida o éxito dos xogos que combinan batería, guitarra e micrófono para montar un grupo musical completo. Dende Electronic Arts xa confirmaron que o xogo se estaba a remitir ás tendas, e xa comezaron a promoción televisiva do novo título apoiándose no tema musical Let There Be Rock de AC/DC (nunha cover do grupo Vaeda).
Como curiosidade, parece ser que no lapso de tempo entre o que o xogo está completo e se pon á venda dende Harmonix tiñan previsto que houbese usuarios que fosen capaces de facerse con copias de Rock Band 2 polo que de cargalo poderán ver unha mensaxe de benvida: «Bo traballo ao conseguir o xogo ¡antes do seu lanzamento!». Por unha vez este tipo de prácticas se toman con sentido do humor, pois resulta case imposible garantir o embargo de novos títulos en todas as tendas dos EE.UU. (o que pasa con calquera tipo de lanzamento de produtos).


Anuncio televisivo de Rock Band 2

PUBLICIDADE