Este luns celébrase a bicada colectiva a prol da lingua convocada no Facebook

luns, 14 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Hoxe 14 de febreiro é o día dos namorados, pero non está todo perdido. Para quen xa perdera a confianza nesta festa, cousa por outra banda totalmente comprensible, cómpre dicirlle que é posible celebrala a prol de causas moito máis xustas cás de mellorar os ingresos das grandes superficies. Segundo nos informa A Mesa, pode ser unha boa base para defender a lingua, desta volta salientando non só a vertente oral do termo, senón tamén a outra: a que non ten nada que ver coas palabras. Tal e como conta a plataforma galega no seu sitio en Facebook, este día 14 a partir das 17.00 horas celébrase na praza do Toural, en Santiago, unha xeira colectiva de bicos para defender o noso idioma, xeira á que estamos todas e todos convidadas/os. A campaña, posta en marcha dende o Facebook, está aberta a toda a comunidade internauta e só se esixe un requisito mínimo: levar parella.
Segundo reflicten medios como Xornal, a intención da Mesa é cinguir a defensa do galego a feitos positivos, non só a feituras e conceptos puramente reivindicativos. A convocatoria, que forma parte de Goza coa túa lingua, abrangueu os días pasados a distribución de logos e recursos gráficos e a estampación de chapiñas e camisetas. O acto, para o que se pide puntualidade, ten feitura de flashmob. Ou sexa, de xuntanza convocada a través de redes sociais e demais servizos tecnolóxicos e dixitais co fin de concorrer nun lugar concreto e facer unha reivindicación rechamante para logo seguir cada participante coa súa vida.

PUBLICIDADE