Este martes probarase o sistema ES-Alert na Coruña e Arteixo

luns, 14 de outubro do 2024 Redacción

Os concellos da Coruña e Arteixo (e zonas limítrofes nos concellos de Oleiros, Culleredo, A Laracha e Carballo) participarán este martes ás 10:00 horas nun simulacro do sistema ES-Alert, de xeito que os teléfonos móbiles da zona emitirán un chío a máximo volume (aínda que o dispositivo estea en silencio) acompañado dunha mensaxe de texto que debe aceptarse. Deste xeito quere familiarizarse á poboación sobre o sistema de alertas que en situacións de emerxencia serviría para comunicar información sobre como actuar.
A activación do Plan de Emerxencia Exterior de A Grela-Bens presentouse o pasado xoves nun acto presidido por Diego Calvo, ao que tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.
O simulacro está coordinado pola Xunta en colaboración cos concellos da Coruña e Arteixo e coa empresa Repsol Butano. Comezará arredor das 10:00 horas coa simulación dun accidente nas instalacións desta factoría coruñesa que obrigaría a activar o plan de emerxencias exterior do parque industrial. Simularase un fallo mecánico nunha cisterna de propano que provoca un incendio con varias persoas feridas e un accidente de tráfico na zona entre un vehículo e unha furgoneta con traballadores.
Se ben as áreas de posible afección en caso de accidente neste plan se circunscriben ao entorno inmediato das instalacións industriais, optouse por ampliar as zonas de aviso á totalidade dos concellos. As persoas que nese momento se atopen nos municipios da Coruña ou Arteixo e zonas lindeiras recibirán unha mensaxe nos seus teléfonos móbiles que lles informará da situación. Ao mesmo tempo, e como xa ocorreu noutros simulacros anteriores, activarase un sistema de sirenas que instaría á veciñanza do entorno máis próximo a adoptar determinadas medidas de autoprotección en caso de emerxencia real.

Santiago Villanueva, Diego Calvo e Belén do Campo presentaron o simulacro o pasado xoves