Este mércores 9 abre as súas portas a cita tecnolóxica DevFest Santiago 2024
luns, 7 de outubro do 2024
Ao longo deste mércores 9 e deste xoves 10 de outubro, entre as 16.30 e as 20.30 horas, celebrase o DevFest Santiago de Compostela 2024, un dos maiores eventos tecnolóxicos de Galicia, que contou na edición de 2023 con máis de 200 asistentes e 30 relatores.
Segundo lembran dende a organización, os DevFest son eventos gratuítos a grande escala organizados por todo o mundo, “polo que non hai dous DevFest iguais”.
No caso do DevFest Santiago de Compostela 2024, o lugar de celebración será a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela. Alí, profesionais, estudantes e aficionados ás tecnoloxías máis avanzadas, compartirán coñecementos e ideas en torno á Intelixencia Artificial e o desenvolvemento web, eixos temáticos do evento.
As persoas asistentes poderán asistir a unha chea de charlas e obradoiros prácticos pensados para público de todo tipo, dende persoas expertas ata xente allea ao sector. As sesións serán impartidas por destacados profesionais, contando coa presenza de Google Developer Experts, creadores de contidos dixitais, especialistas en IA e tecnoloxías web, entre outros relatores de alto nivel.
Igualmente, ademais de ter o apoio de Google e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, o evento conta co patrocinio de empresas de renome, como Lucushost, Dinahosting ou JetBrains, entre outras. Gracias a elas, ofreceranse refrixerios de balde durante o evento e sortearanse licencias de software entre os asistentes.
O equipo de organización, conformado por Aldán Creo, Judit González, Mateo Bodenlle, Laura Antelo, Sara Castro, Diego Cristóbal e Iago Feijóo, colabora de forma voluntaria para a organización deste festival, cunha estrutura multidisciplinar de estudantes e profesionais do sector.
A reserva de entradas é gratuíta, e debe realizarse dende a propia web do evento, onde tamén se recolle a axenda e información loxística.