Este sábado 23 os Amigus Labs converten As Pontes en laboratorio argalleiro

mércores, 20 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Esta semana a asociación Amigus, con centro de operacións nas Pontes, retoma o fío dos seus Amigus Labs. Isto que significa? Pois basicamente que imos ter unha nova oportunidade de abrir as portas da creación tecnolóxica: sermos algo máis que simples usuarios. A cita, que é de balde, será o sábado 23 no Mercado Vello das Pontes. Trátase, máis en detalle, dunha serie de Obradoiros Tecnolóxicos que xirarán arredor de diferentes ferramentas TIC de arte e creación dixital.
Cousas como impresión 3D, fabricación dixital, robótica, programación, realidade virtual, drones, radio control e videxogos, entre outras cuestións. Amais dos obradoiros sobre robótica ou fabricación de kits electrónicos, tamén se achegará a posibilidade de pilotar drones ou de viaxar, como sinala Amigus, “a mundos virtuais en primeira persoa”.
Por se isto fose pouco, habilitarase un recanto onde se mostrarán algunhas das creacións materializadas ao longo dos últimos anos ao abeiro de Amigus Labs. Esta exposición ficará de portas abertas dende as 11.00 até as 14.00 horas, e dende as 17.00 até as 20.00 horas.
Estes son os piares temáticos dos Amigus Labs deste sábado 23:
Fabricación dixital
Exposición de máquinas de fabricación dixital: Impresoras 3D, CNC, fresadora, así como exemplos de ferramentas construídas en Amigus Labs e materiais utilizados.
Xogos retro
Máquinas recreativas feitas por usuarios de Amigus Labs, deseñadas e programadas nos obradoiros.
Minecraft
O popular xogo de Minecraft, hackeado vía Scratch, co que os máis pequenos poden xerar o seu mundo e manipulalo vía programación.
Dron e Radio Control
Exposición de drones e vehículos teledirixidos. Mediante simuladores de voo, os asistentes poderán aprender a manexar vehículos aéreos non tripulados.
Laboratorio sonoros
Oportunidade para introducirnos nas novas tecnoloxías aplicadas á creación musical, en palabras da organización o xermolo “dunha autentica revolución nas maneiras de acceder, crear e transformar o mundo dos sons”.
Escornabots
Introdución teórico-práctica ao proxecto Escornabot: robot educativo aberto para iniciar aos nenos e nenas máis pequenos no eido da robótica e da programación. Os rapaces terán a oportunidade de fabricalos ou ben manexalos a través de taboleiros.
Robótica Lego
Neste obradoiro os asistentes poderán construír, programar e controlar os teus propios robots Lego do xeito máis intelixente, rápido e divertido.
Experimentos Arduino
Os participantes coñecerán diferentes proxectos creados con Arduino, a placa libre de creación tecnolóxica e robótica.
Realidade Virtual
Oportunidade de vivir en primeira persoa distintas experiencias de contornas de realidade virtual.
Organizadores e colaboradores
A cita vén da man da Asociación Informática Amigus, de Amigus Labs e de Merca Nas Pontes. Colaboran, entre outras moitas entidades, o Concello das Pontes, a OMIX local, a Concellería de Cultura, COHEMPO, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital ou Triade.

PUBLICIDADE