Este sábado ponse á venda a Nintendo 3DS XL en España

venres, 27 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Este sábado Nintendo pon á venda en España a súa nova consola de videoxogos portátil, a Nintendo 3DS XL, unha revisión da 3DS que conta cunha pantalla 3D de 4,18 polgadas (un 90% maior que a da 3DS orixinal), un tamaño de 156 x 93 x 22 milímetros, un peso de 336 gramos e unha batería que permite xogar entre 3,5 e 10 horas. A tarxeta SD incluída coa consola tamén ten o dobre de capacidade (4 Gb) e nun principio chega ás tendas en 3 combinacións de cores que mesturan o negro con vermello, prateado ou azul a un prezo de venda recomendado de 199,95 euros. Para poder manter este prezo contido, a consola non inclúe nin base de carga nin adaptador de corrente (que pode adquirirse por separado, aínda que moitos usuarios non precisarán mercalo posto que a 3DS XL pode cargarse coa adaptador das anteriores Nintendo DS/DSi).
É de agardar que a aceptación da 3DS XL sexa bastante boa, pois xa aconteceu algo semellante coa DSi XL, aínda que tamén parece algo natural polo mero feito de que a Nintendo 3DS conseguiu ser a consola portátil máis vendida en España no que vai de ano con 158.000 unidades vendidas, copando o 44% do mercado portátil e o 70% das portátiles de nova xeración. Este éxito é consecuencia en boa medida de grandes títulos para a consola como Mario Kart 7 e Super Mario 3D Land, xogos que este mesmo verán contarán coa compañía de New Super Mario Bros 2, e no que queda de ano tamén se reforzará o catálogo con outros títulos moi atractivos como El Profesor Layton y la Máscara de los Prodigios, Epic Mickey: Mundo Misterioso, Luigi’s Mansion, Paper Mario: Sticker Star e Castlevania Lords of Shadow: Mirror of Fate.

PUBLICIDADE