Este venres dáse a coñecer dende Bertamiráns o palmarés dos quintos Premios Youtubeiras

xoves, 25 de novembro do 2021 S. P.

Tanxugueiras nunha imaxe de Rocío Cibes

Os quintos Premios Youtubeiras van dar a coñecer este venres 26 de novembro o palmarés desta edición. Será nunha gala presentada por Tanxugueiras. Segundo informa a organización (os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña), os youtubeiros Olanxonmario e Neeumatiko aspiran a facerse cos premios en cinco categorías, Cousxs opta a catro galardóns e O Son das Ideas compite por tres.
A gala, que significa a volta ao formato presencial logo da paréntese do ano pasado, será na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) ás 20.00 h. Un total de 35 propostas finalistas aspiran a estes galardóns que reparten 7.500 euros entre as persoas gañadoras das doce categorías. Os premios de canle, youtubeira/o e vídeo contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto (calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, didáctico e pioneiro) é de 500 euros. Esa mesma cifra recibirá quen leve o Premio do Público, que se escolle a través dunha votación na Rede.
As deliberacións do xurado, constituído por Fernando Ramallo, Adrián Lede, Noemí García, Sonia Méndez e Esther Estévez, determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan finalistas para o Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros ademais aspiran, xunto a O Son das Ideas, a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese with Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua.
Amais, Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeiro/a, vídeo, impacto e creatividade). A cinco galardóns opta Neeumatiko (canle, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto e didáctico) e tamén Cousxs (youtubeiro/a, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).
Na gala estarán representadas a práctica totalidade das institucións organizadoras dos Premios Youtubeiras, iniciativa que lle dá visibilidade ao uso do galego no Youtube ao tempo que fomenta a creatividade e xera referentes na nosa lingua dun axente con gran repercusión social no mundo dixital como son os/as youtubeiros/as.
Así, á entrega de galardóns asistirán o alcalde de Ames, Blas García; do Grove, José Antonio Cacabelos Rico; o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, ou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín.
Por parte do Concello de Santiago, está previsto que acudan Rubén Prol, concelleiro de Políticas Lingüísticas, e Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e dende o de Pontevedra, Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística. Ribadeo estará representado pola súa concelleira de Cultura e Consumo, Pilar Otero Cabarcos, mentres que dende Teo asistirá María López Álvarez, concelleira de Igualdade, Cultura e Educación.
A concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e de Deportes, Mónica González Blanco, representará A Baña, mentres que de Negreira estarán a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Mar García Vidal, e a concelleira de Educación e Sanidade, Teresa Douro Leis. Ames contará tamén co seu concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e por parte de Moaña asistirá o seu concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina.

Relación de finalistas por categorías

1. PREMIO CANLE
O Son das Ideas
Olaxonmario
Neeumátiko
2. PREMIO YOUTUBEIRA
Olaxonmario
Neeumátiko
Cousxs
3. PREMIO VÍDEO
Por que é que non entendo o portugués? Co @Portuguese With Leo (vídeo de Olaxonmario)
A nova bomba das Tanxugueiras (vídeo de Cousxs):
Educación franquista (vídeo de Pradorua):
4.PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA
Neeumátiko
Cousxs
Esbardalhando
5.PREMIO IMPACTO
Pablo Rodríguez Vila
Olaxonmario
Neeumátiko
6.PREMIO CALIDADE TÉCNICA
Toxío
O Son das Ideas
Xacobo de Toro:
7.PREMIO COMUNICACIÓN
AstroXabi
Pablo Rodríguez Vila
Un rapáTRANSquilo FTM
8.PREMIO CREATIVIDADE
Cousas RarísimASMR
O Son das Ideas
Olaxonmario
9.PREMIO MUSICAL
Cousxs
FØ Records
10. PREMIO DIDÁCTICO
Xacobo de Toro
O Son das Ideas
Neeumátiko
11. PREMIO PIONEIRO
Recuncho Gamer
Pingando
Astroxabi
12. PREMIO DO PÚBLICO
Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia; da canle Orgullo Galego
Amemos o noso de Xabi Gómez
El cuarteto de IBAI - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA) | Feat. Dani Piñeiro de Fica coa Bola.

PUBLICIDADE