Este verán estrearase un YouTube especializado en videoxogos

venres, 12 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Tras a compra de Twitch por parte de Amazon quedou clara a importancia dos videoxogos na transmisión de vídeo a través da Rede, e aínda que os rumores apuntaban a que Google podería mercar Twitch, finalmente a compañía do buscador foi polo seu propio camiño e anuncia YouTube Gaming, unha versión de YouTube centrada nos videoxogos que verá a luz durante o verán.
YouTube Gaming será tanto unha páxina web nova como unha nova aplicación, que facilitará a conectar xogadores de todo o mundo para ver vídeos e retransmisións en directo, catalogando máis de 25.000 videoxogos para facilita a exploración de vídeos sobre os mesmos, e aproveitando a experiencia con YouTube Live para achegar unha boa experiencia cos directos, de xeito que, cando nos subscribamos a unha canle, recibiremos unha notificación de cando na mesma se inicie unha retransmisión.
A nova páxina web tamén optimizará as buscas para limitalas aos videoxogos, de xeito que, cando escribamos “call” o sistema suxeriranos buscar “Call of Duty” e non “Call Me Maybe” como faría na web ordinaria de YouTube.
Os grandes reclamos que empregará YouTube Gaming é contar con vídeos de até 60 fotogramas por segundo, función de gravación (DVR) e conversión automática de retransmisións en directo a vídeos de YouTube, para o que están a realizar numerosos axustes estes días para que o sistema poida lanzarse en poucas semanas, comezando por EE.UU. e Reino Unido. Algúns detalles do novo servizo poderán verse a semana que vén durante a celebración do E3.

PUBLICIDADE