Este xoves 24 celébrase na USC a XI Xornada e Usuarios de R

martes, 22 de outubro do 2024 S. P.

Estudantes da USC empregando dispositivos nunha imaxe de Santi Alvite

A XI Xornada de Usuarios de R na comunidade galega, centrada en botar luz sobre novos xeitos (abertos, participativos, innovadores) de analizar datos, celebrarase este xoves 24 de outubro de forma presencial na Facultade de Matemáticas da USC, e tamén poderase seguir en directo a través de YouTube.
Segundo informou a USC, o encontro servirá de espazo para que as persoas interesadas establezan “colaboracións dentro da comunidade e compartan experiencias de uso da linguaxe de programación R coma o seu emprego para a análise de datos xenómicos ou o estudo de patróns matemáticos nas cerámicas de Sargadelos”.
Organizado pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e patrocinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o evento busca difundir o coñecemento sobre R e as súas aplicacións no eido da estatística e a análise de datos a través dun programa que recolle vinte relatorios que poñen en foco en cuestións como a estatística de vivendas familiares, o efecto autopercibido da asma na calidade de vida ou o cálculo de rutas de escape nun incendio forestal.
Entre eles, seis serán impartidos por especialistas como María Alonso Pena e Adrián Casanova Chiclana da Universidade de Santiago de Compostela; María Esther López Vizcaíno do Instituto Galego de Estatística; Salvador Naya Fernández e Javier Tarrío Saavedra da Universidade da Coruña; Nora Martínez Villanueva da Universidade de Vigo e Isabel Fuentes Santos do Instituto de Investigacións Mariñas.
Contarase con participantes do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), da Xunta, do Instituto Galego de Estatística, das tres universidades galegas ou da Universidade Carlos III de Madrid. Tamén acudirán representantes de universidades internacionais, como a Universidade Cooperativa de Colombia, Universidade Federal Fluminense (Brasil) e da Academia da Força Aérea (Brasil), así como un profesor do IES Pedra da Auga en Ponteareas.
O comité organizador está formado por María José Ginzo Villamayor, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela e presidenta de MeLISA; Rafael Rodríguez Gayoso, membro de MeLISA; e Miguel Ángel Rodríguez Muíños, da Consellería de Sanidade e membro de MeLISA. O comité científico inclúe tamén a María José Ginzo Villamayor e Miguel Ángel Rodríguez Muíños.