Este xoves 30 celébrase na Cidade da Cultura a 23ª edición de GaliciaTIC
mércores, 29 de outubro do 2025
Este xoves 30 de outubro celébrase a 23ª edición de GaliciaTIC, foro de referencia e debate no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que organiza a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) en colaboración con entidades como a axencia autonómica AMTEGA ou diversas empresas.
A cita será inaugurada ás 9.15 horas na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago) polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González.
A continuación celebrarase un debate inaugural: TravesIA Dixital: Estratexia, Tecnoloxía e Persoas. Tendencias e impactos para o sector TIC en Galicia. Participarán Carlos Suárez Rey (EDISA), Fernando Vázquez Núñez (Imatia), Lourdes Guerra Fornos (Ineo) e Santiago Sesto Gontán (APD). O moderador será Miguel Merino Gil, coordinador de GaliciaTIC 2025. Ás 10.00 horas celebrarase unha conferencia inaugural (A condición humana na sociedade tecnolóxica) da man de Pilar Llácer, vicepresidenta de Cultura e Persoas na axencia de comunicación Both People. O programa completo pode consultarse na web de GaliciaTIC.
