Este xoves celébrase en Santiago o Foro CIOs Galicia da man do CPEIG e CIONET

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e CIONET, a comunidade de líderes dixitais de Europa, organizan este xoves 26 de outubro o Foro CIOs Galicia 2023, destinado a achegar un marco referencial para o debate tecnolóxico. Este encontro nace do marco das accións do convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Celebrarase no Hotel Oca Puerta del Camino (Santiago de Compostela). O obxectivo é tratar cuestións tecnolóxicas e desafíos das tecnoloxías da información co obxectivo de “construír un espazo de reflexión e aprendizaxe de boas prácticas e coñecemento compartido”.
O encontro, coa participación de CIOs e líderes dixitais, está dirixido ao persoal directivo do ecosistema dixital galego constituíndo, ademais, na 1ª Sesión de Foro CIOs Galiza, un espazo de debate con ánimo de continuidade para os principais CIOs e C-Level tecnolóxico da rexión, do mesmo xeito que, dende hai varios anos, funcionan os demais foros de CIONET en Europa (Madrid, Barcelona, Bruxelas, Berlín, Varsovia, Londres, Milán, Roma, Amsterdam, Múnich, Sevilla, Málaga, entre outros), pódese aportar reflexións relevantes e de impacto en torno á tecnoloxía.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG comenta que “o foro xorde para establecer un punto de encontro entre profesionais TIC para que poidan compartir experiencias e coñecementos e falar de cales son os retos no ámbito da xestión das Tecnoloxías da Información en diferentes temáticas: transformación dixital, seguridade, tendencias tecnolóxicas emerxentes, ou os desafíos na xestión e capacitación do persoal”. O obxectivo, engade, “é que o foro sexa un punto de encontro permanente no tempo, coa idea de celebrar varias xornadas abertas durante o ano para que poidan participar empresas referentes”.
Durante o encontro celebrarase un simposio sobre tecnoloxía e prioridades dixitais baixo o título Navigating the Digital Era onde se explorarán cuestións relacionadas coas prioridades da administración pública, os desafíos aos que se enfrontan os CIOs no ecosistema dixital actual, os modelos organizativos a partir da experiencia de Abanca nos seus procesos de integración, a utilización da tecnoloxía para a descuberta do talento e os avances en transformación dixital, entre outros.
O Foro CIOs Galicia contará coa apertura institucional por parte de Julián Cerviño Iglesia, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, á que se sumarán as intervencións de Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e de Bruno Méndez Rodríguez, director executivo (CEO) de CIONET España e Latinoamérica así como a participación de destacados líderes dixitais que aportarán a súa experiencia e coñecemento na identificación das mellores prácticas en tecnoloxía aplicada.
Nas palabras de Bruno Méndez, “en CIONET, recoñecemos a importancia de promover a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os líderes de Tecnoloxía da Información en toda España. En Galicia, como en moitas outras rexións, hai un grupo talentoso de CIOs e directivos de tecnoloxía que desempeñan un papel fundamental na transformación do ecosistema empresarial galego e, por este motivo, este Foro CIOs Galicia representa o noso compromiso firme de incorporar este espazo de debate á oferta que despregamos por toda a xeografía española (Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Oviedo, Bilbao, Valencia). Incorporando a Santiago de Compostela, e no futuro outras localizacións como A Coruña e Vigo, establecemos un foro de debate en Galicia que conectará coa comunidade nacional aproveitando o potencial que nos ofrece CIONET a nivel internacional”.
E engade: “En CIONET estamos comprometidos en facilitar esta iniciativa e traballar en estreita colaboración co Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia e agradecemos enormemente o apoio da Xunta e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na creación deste foro. Co esforzo da administración pública, o colexio profesional, a sociedade civil e as organizacións comprometidas, a través dos seus CIOs e Directivos de Tecnoloxía, aseguramos que este foro sexa un catalizador efectivo para o intercambio de coñecementos e a innovación no ámbito da tecnoloxía da información”, conclúe Bruno Méndez, director executivo (CEO) de CIONET España.