Este xoves comezan os novos obradoiros de capacitación tecnolóxica de SmartPeme+
martes, 4 de marzo do 2025
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a partir deste xoves 6 de marzo os novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato tanto presencial como telemático, afondarán na dita xornada “en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia, como son a mellora da taxa de conversión dos negocios en liña e o plan de mercadotecnia”, adiantou a entidade provincial.
O obradoiro presencial terá lugar na oficina de SmartPeme+ en Cambados, situada no Centro ExpoSalnés, en horario de 17:00 a 19:00 horas, baixo o título O teu plan de marketing dixital paso a paso. O obradoiro porá o foco “na necesidade de deixar de lanzar accións de mercadotecnia en liña sen ter elaborado previamente un plan, sen ter en conta os mellores momentos para publicar nas redes sociais, sen saber os obxectivos específicos das accións publicitarias ou sen realizar estudos previos das temáticas que interesan ao público potencial”. José Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados, afondará no carácter esencial deste documento para que unha empresa teña éxito na contorna en liña.
Tamén o xoves, de 12:00 a 13:00 horas en formato telemático a través de Zoom, celebrarase o obradoiro CRO: Consegue que a túa web venda (máis). Esta acción está dirixida a empresas con páxinas web nas que o volume de vendas sexan inferiores aos esperados, e centrarase na CRO ou Conversion Rate Optimization (optimización da taxa de conversión) para afondar nas claves polas que os usuarios visitantes non se converten en clientes. A acción será impartida por Esther Garcinuño, licenciada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de mercadotecnia e xestión comercial, pola Universidade de Vigo e Enxeñeira Técnica en Tecnoloxías da Información Xestora pola Universidade da Coruña.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar a persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.