Estréase a rede social galega Vintecinco.com

venres, 31 de agosto do 2012 Raquel Noya

Aproveitando as vantaxes do Proxecto Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, destinado a promover, entre outras cousas, o desenvolvemento de proxectos de ocio e lecer educativo e espazos para a comunicación que tiren proveito das TIC, cinco mozas e mozos galegos animáronse a crear a rede social Vintecinco.com, que se estrea o vindeiro 1 de setembro, e que xa leva un tempo funcionando en probas.
Trátase dunha ferramenta social moi similar a Facebook e Tuenti tanto nas súas funcionalidades como na súa feitura, que tamén recolle ideas de Twitter, limitando os textos a 140 carácteres.
Javier, Óscar, Nadia, Pablo e Manuel son os creadores desta nova rede social deseñada para a comunidade internauta galegofalante, a cal poderá interactuar cos seus contactos ben a través do muro ou ben a través dun chat que funciona de xeito semellante a como o fai noutras redes sociais.
A plataforma permite subir fotografías, vídeos, comentarios de estado e todo tipo de ligazóns de interese para os seus usuarios, que logo poderán clasificar os distintos contidos por categorías, tales como “Festa”, “Universidade”, “Rede”, “Viaxes”, “Amigos”, “Tecnoloxía”, “Música”, “Películas”...
A maiores permite inserir entradas a modo de blog, e mesmo seleccionar en tódalas categorías se o que queremos visualizar é o noso material, o de todos ou só o dos nosos amigos.
Malia todo a web aínda está moi verde, e non ofrece demasiadas funcionalidades que poidan facela despuntar por enriba das súas duras competidoras (Facebook, Tuenti e Twitter principalmente), pero o tirón máis grande de orellas que lle hai que dar aos seus creadores é por mor da falta do galego na fase beta, xa que só está dispoñible en castelán e inglés; dende Código Cero agardamos que o vindeiro día 1 de setembro esta tara sexa unha mera anécdota da que falar mentres interactuamos en Vintecinco.com.
A plataforma social vaise dar a coñecer nas principais cidades galegas e nas tres Universidades do país (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo), onde se entregarán folletos informativos e se ofrecerán charlas, seminarios e cursos de balde con sorteos de agasallos incluídos para as persoas participantes.

PUBLICIDADE