Estrella Galicia vende a súa cervexa de Nadal a través de Amazon

luns, 4 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A edición limitada de Nadal de Estrella Galicia chegou onte a Amazon.es

O pasado mes de abril sorprendía a fichaxe de Juan José Delgado de Amazon para Estrella Galicia, compañía na que pasaría a ocupar o cargo de Global Chief Digital Officer, un posto de nova creación para adaptar a empresa cervexeira ao novo cliente dixital. O que resultaba difícil de anticipar é que este directivo que traballaba para Amazon en Londres fose a emprender figuradamente o camiño de volta, xa que onte sorprenderon empregando Amazon como canle de venda para a edición limitada de Nadal de Estrella Galicia.
Deste xeito é posible adquirir en liña paquetes de 6 botellas de 75 centílitros de cervexa a un prezo de 21,60 euros, destacando esta edición pola estética das botellas, que lembra ás de cava, conseguindo así un toque orixinal. Incluso as botellas levan unhas etiquetas nas que empregaron tintas holográficas para crear un efecto de luminiscencia nas lámpadas representadas.
Non estamos ante o único produto de Estrella Galicia dispoñible en Amazon, xa que a tenda en liña conta con varias cervexas no seu catálogo, ofrecidas nuns casos a través de vendedores independentes e, outras ocasións, a través da propia Estrella Galicia. Tamén están dispoñibles algúns lotes de Estrella Galicia dentro do servizo Amazon Pantry, que facilita a compra de produtos do día a día grazas ao seu envío en caixas con cabida de até 20 quilos de peso ou 110 litros de volume cun gastos de envío fixos de 3,99 euros.

PUBLICIDADE